A Asociación de Pulpeiros do Carballiño estrea nova directiva

A elección da nova directiva tivo lugar durante a última asemblea celebrada uns días antes de Semana Santa. O novo presidente é Roberto Pereira; os vicepresidentes son Jesús Pereira e Olivier Fernández;  a secretaria, María Lage; a tesoureira, Leticia Justo e os vogais, Enrique Carral e Marcos Lage.

A directiva proponse potenciar a asociación, promover a integración do maior número posible de pulpeiros e defender os intereses dos asociados.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre os obxectivos figuran asi mesmo a posta en valor da marca “pulpeiros e pulpeiras do Carballiño-Arcos” como un referente da gastronomía máis xenuina e popular de Galicia. Teñen previsto desenvolver proxectos cos que esperan contar coa colaboración do Concello, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.

Como herdeiros dunha tradición ancestral na elaboración do pulpo á feira, que non ten comparanza en ningún outro lugar, os integrantes desta directiva convidan a todos os pulpeiros e pulpeiras do Carballiño a implicarse coa asociación e participar na toma de decisións que contribúan a lograr melloras para esta actividade profesional tan arraigada no Carballiño, e máis concretamente, na parroquia de Arcos.A Asociación de Pulpeiros do Carballiño constituiuse no ano 2012, e dende entón mantivo a mesma directiva. Entre outras iniciativas, participa activamente na elaboración da Tapa Xigante de Pulpo e na Festa do Pulpo do Carballiño, referentes de celebracións gastronómicas populares de ámbito galego, nacional e internacional.

A nova tesoureira quixo destacar tamén o traballo feito pola antiga presidenta, Isaura González.