O PSOE de Punxín critica o mal estado no que afirman que se atopan as estradas municipais

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia o “deplorable” estado de abandono no que se atopan as estradas de titularidade municipal, que presentan numerosas fochancas e zonas nas que a maleza xa se deixa ver entre o asfaltado, totalmente deteriorado polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. As socialistas consideran “urxente” que se acometa un plan de reforma integral das mesmas dado o seu grave deterioro e os problemas que ocasiona a diario aos veciños e veciñas que utilizan estas vías de comunicación.

As socialistas consideran “indigno” que en pleno século XXI o Concello de Punxín conte con infraestruturas propias da “Idade Media” e urxen ao grupo de goberno municipal do Partido Popular e do concelleiro non adscrito que “se poñan a traballar dunha vez pola veciñanza do municipio”. Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que “é inadmisible” a situación das estradas municipais e manifestan que “non é un caso illado, xa que basta darse unha volta pola práctica totalidade das estradas de titularidade municipal para comprobar que o abandono é total”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, a situación de abandono das estradas “é unha mostra máis do desleixo e abandono co que o goberno municipal trata aos veciños e veciñas do noso concello”. Peleteiro incide na “grave situación” que as fochancas e o deterioro do asfaltado provoca na seguridade viaria e critica que “non se escoite as reclamacións da veciñanza e dos grupos da oposición nun tema tan importante como son as infraestruturas municipais e que afectan de xeito directo a vida cotiá da nosa poboación e á súa seguridade”.

As socialistas fan fincapé en que a situación reviste unha “extrema gravidade” e esíxenlle ao alcalde que “se dea unha volta polo municipio para que comprobe de primeira man o abandono total ao que está sometido Punxín por parte do seu grupo de goberno”. Subliñan tamén que a situación “aínda podería ser peor” e advirten que “aínda estamos a tempo de arranxar canto antes as graves deficiencias das estradas e evitar deste xeito posibles accidentes ou situacións máis graves”.

Por outra banda, dende o PSdeG-PSOE de Punxín tamén veñen de solicitar vía rexistro a mellora da seguridade na estrada da Aguieira, mediante a instalación de quitamedos, a colocación de paneis de sinalización e o arranxado do asfalto e pintado da estrada, para deste xeito facilitar a mobilidade e dar seguridade aos condutores e peóns que utilizan esta estrada.