O Psoe esíxelle á Xunta que garanta as medidas preventivas fronte ao coronavirus nos xulgados galegos

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que garanta o cumprimento das medidas preventivas fronte á pandemia nos xulgados galegos. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Xustiza na que alertou de que o desleixo do goberno galego está a provocar situacións graves na administración de Xustiza galega, que duplicou os contaxios e mesmo tivo que pechar xulgados.

Castro acusou ao goberno galego de “escorregar o vulto” e facer caso omiso da Lei 3/2020 que obriga a fixar cita previa, limitacións de aforo e atención telemática sempre que sexa posible por parte da Administración de Xustiza. Advirte de que as consecuencias do desleixo do goberno galego están a ser dramáticas na Administración de Xustiza, como están a advertir os traballadores e traballadoras dos xulgados galegos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista advirte de que os contaxios durante a última onda da pandemia chegaron a duplicar os contaxios das anteriores, con 59 casos detectados, chegando a situacións estremas, “como o acontecido nos xulgados de Verín, que quedou sen persoal e non puido abrir”. Sinalou que “tódolos días son notificados varios contaxios ou illamento de grupos de funcionarios, producindo un serio problema no normal funcionamento da administración de Xustiza”.

Sinalou que a Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, “non pode eludir a súa responsabilidade” por canto “é o órgano competente para adoitar as medidas necesarias para garantir a saúde do persoal funcionario e laboral dos xulgados de Galicia”. Ela é quen “ten a obriga de dar cumprimento ás directrices estatais, co fin de evitar, na medida do posible, excesivas concentracións nas sedes xudiciais”.

Paloma Castro reclamoulle á Xunta que convoque de urxencia á comisión mixta para “establecer unha instrución que regule as actuacións nas sedes xudiciais fronte á nova onda da pandemia, tomando as medidas necesarias para evitar aglomeracións nos edificios xudiciais.