O Psoe de Pereiro solicíta a mellora do tramo da estrada 0u-0506

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar levará ao pleno deste venres unha moción rexistrada o 24 de marzo pasado na que lle solicita ao Concello a comprometerse para instar a Deputación Provincial de Ourense ó asfaltado e pintado do tramo da estrada OU-0506 que discorre polo termo municipal de Pereiro. Os socialistas consideran que o ente provincial é o encargado de acometer esta mellora, pois é a administración competente da estrada. O PSdeG tamén reclama que no caso de aprobarse a moción, se dea traslado do acordo á Deputación para que proceda a arranxar os actuais problemas existentes.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que con data 12 de novembro de 2020 rematouse a actuación de acondicionamento e mellora integral na OU-0506 Velle (C536) – San Miguel do Campo (OU-508) entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+531 no termo municipal do concello de Ourense e promovida pola Deputación Provincial. Na citada actuación, “pintouse un tramo da estrada pertencente ao concello de Pereiro, quedando o resto do tramo Velle-Sabadelle sen pintar, así coma o resto da estrada que discorre por Pereiro”, critican os socialistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con data 7 de abril, e tras presentar o grupo socialista no mes de marzo unha moción respecto diso, procedeuse a iniciar o pintado do citado tramo, pero sen asfaltado previo e sen corrixir ningunha das deficiencias existentes na estrada. Para a concelleira do PSdeG en Pereiro de Aguiar, Luisa Bravo, isto é “unha chapuza máis, un mero parche para dicir que se está a facer algo” e insiste en que “urxe” a mellora e acondicionamento íntegro do resto da estrada e non “máis parches nin pequenas actuacións illadas”.

Bravo critica que “namentres no tramo pertencente a Ourense se asfaltou a estrada, no tramo dentro do termo municipal de Pereiro de Aguiar abundan as fochancas e a grava empregada, que se mestura con zonas de asfaltado, o que supón un perigo para os condutores”. Motivo polo cal, os socialistas solicitan que se proceda o “arranxo completo da estrada, asfaltado e pintado das sinais e liñas na estrada para unha mellora da seguridade viaria”.

A estrada provincial OU-0506 no tramo Velle-San Miguel do Campo ten un volume de tráfico “considerable”, en palabras dos socialistas que apuntan que “se trata do acceso principal” dende a cidade de Ourense aos núcleos de poboación de Sabadelle, Vilaboa, San Benito, Xubande ou Lagozos entre outros. “Son moitos os veciños de estes núcleos que por motivos laborais se desprazan por esta estrada varias veces o día, polo que merecen unha estrada digna e segura”, finaliza a concelleira.