O PP presenta ó concello iniciativas para a inversión dos preto de 4 millóns do remanente

Ricardo Perea, portavoz do Grupo Popular do Concello do Carballiño, mantivo xa varias reunións co Alcalde Francisco Fumega, co obxectivo de que se poidan aprobar unha serie de actuacións na modificación orzamentaria que incorporará o remanente de tesourería e que se consideran importantes de cara a poder ser executadas no prazo de tempo mais corto posible.

Dende o Grupo Popular as actuacións solicitadas ao Alcalde foron atendidas e consideradas importantes, e mostrouse receptivo en todo momento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as actuacións que se lle solicitaron ao Concello e que están consensuadas atópanse tanto obras para as rúas do Carballiño como iniciativas de maior calibre. Así proponse a reposición do firme na Avda. Castelao, o proxecto de reforma e humanización da rúa da Carreira, a apertura da Rúa costa Rica, desenvolvemento das áreas de reparto AR-14 e AR-15 para apertura do derradeiro tramo da rúa Faustino Santalices, ata a rúa da Carreira.

Ademais, propóñense melloras de alumeados en instalacións deportivas e na Praza da Veracruz; a construción do cemiterio civil, tema consensuado en sesión plenaria pola corporación, ou a construción de un depósito de auga en Costoia. Outros temas, que xa teñen percorrido no tempo e que piden que se solucionen axiña son a posta en marcha do concurso de ideas do parque municipal e a solución do tema da nave de protección civil que debe ser derrubada por orde xudicial.

No apartado económico e relacionado cas consecuencias da pandemia, piden o reforzo das axudas a autónomos e pequenas empresas, reforzo de axudas ao Carballiño CCA, e a creación de Bonos turísticos para canxear en hoteis, restaurantes e Balnearios da vila, con fin de recuperar o turismo unha vez se estabilice a situación sanitaria.

Trátanse, todas elas, de propostas factibles, e que pola súa contía conxunta son perfectamente encaixables no remanente de que dispón o Concello, que vai superar os 4.000.000 de euros.