O Psoe denuncia que Jácome vén de “dar o carpetazo definitivo” ao termalismo de Ourense

Ourense.8-12-2010. Local. Termas de Outariz con gran afluencia de gente. José Paz

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Jácome vén de “dar o carpetazo definitivo” ao termalismo da cidade despois de que o rexedor anunciase que Ourense perderá o 80% da súa oferta termal coa nova lei autonómica de aproveitamento lúdico destas augas, un cambio lexislativo “perpetrado polo Partido Popular de costas á cidade” para “fulminar” a oferta pública termal.

Neste sentido, critican a nula implicación de Jácome na defensa do potencial termal de Ourense para evitar que “os seus socios do bigoberno” levaran a cabo a aprobación dunha norma “claramente lesiva” que fai “xaque mate” ao turismo termal en pleno Xacobeo e na antesala da chegada do AVE á cidade. 

AVANTAR ACTIVIDADES

“Jácome coñecía o contido desta norma e non fixo absolutamente nada por evitar a súa aprobación porque o seu interese é acabar co termalismo, como xa fixo coa cultura”, aseguran os socialistas, que ven no anuncio do alcalde un “boicot encuberto” para consumar “o desmantelamento da escasa oferta termal coa que conta a cidade”, coa complicidade do Partido Popular.

Así, dende o grupo municipal socialista consideran que a nova Lei de aproveitamento lúdico das augas termais –aprobada no Parlamento de Galicia cos votos favorables dos populares e o rexeitamento frontal da oposición–, supón un “ninguneo” para a veciñanza, e recrimínanlle ao PP da cidade a súa “deslealdade con Ourense” e “servilismo feroz” á Xunta de Galicia.

Por último, os socialistas lamentan o peche das termas, que consideran un “desenlace dramático” a dous anos de “involución en política termal”. Así as cousas, acusan ao “microgoberno” de non cumprir os acordos plenarios, tales como a actualización do plan termal da cidade ou o aproveitamento dos fondos de reconstrución europeos Next Generation para relanzar o termalismo, ambas iniciativas socialistas aprobadas nos plenos municipais de xaneiro e marzo.