O BNG reclama diálogo e seriedade entre a Xunta de Galiza e o Concello de Ourense para recomezar a actividade termal

deputada Noa Presas incidiu na necesidade de que tanto Xunta como Concello traballen conxuntamente e arreo para retomar a actividade termal en Ourense e adaptar as instalacións ás novas condicións derivadas da situación de pandemia e da aplicación da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.

Esta mañá e diante da piscina termal de As Burgas, a deputada Noa Presas acompañada polo tamén deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés e pola concelleira Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara, compareceu para avaliar a situación na que actualmente se atopan as instalacións termais da cidade e o risco que supón para o modelo de Ourense a adaptación das mesmas á Lei Galega de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Presas lembrou que “a cidade de Ourense ten nos aproveitamentos termais un dos seus potenciais vectores de crecemento e desenvolvemento económico”. Lembrando ademais que “Ourense foi no pasado unha referencia na existencia de espazos de desfrute termal de acceso e xestión pública, democratizando o seu use e desfrute por parte da veciñanza ourensá con independencia do seu nivel de renda. Non en balde, o Parlamento galego aprobou no ano 2008, a impulso do Grupo Parlamentario do BNG, a declaración de Ourense como capital termal”.

Porén, nos últimos anos, lonxe das esperanzas postas naquel consenso e no consenso ourensán arredor daquel primeiro Plan Estratéxico Termal de Ourense impulsado no Concello, “a evolución do termalismo en Ourense estivo limitada pola falta de apoio da Xunta de Galiza e a desidia e bloqueo político dos dous últimos gobernos municipais”.

Noa Presas reclamou de ambas administracións deixar a un lado “a desidia e a falta de colaboración política e institucional entre Xunta e concello, que fai que nestes momentos, as termas de Ourense, singularmente As Burgas mais tamén a parte pública de Outariz e máis as termas do Muíño, estean sen abrir ao público, furtando un dereito á veciñanza e unha oportunidade de dinamización económica nun momento complicado para unha zona tan castigada”.

Outro dos elementos importantes para os nacionalistas fai referencia a adaptación das instalacións termais á situación derivada da pandemia provocada pola COVID-19 máis sobor de todo á lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.

A este respecto Presas lembrou que xa no seu día, durante a tramitación parlamentar da mesma, “desde o Grupo Parlamentar do BNG opuxémonos ao proxecto por entender que non estaba á altura das circunstancias, pois nin resolvía os problemas existentes nin sentaba as bases para asumir con éxito novos retos de futuro e explotar o potencial termal do noso país atendendo a criterios de equilibrio territorial, xustiza social e desenvolvemento socio económico”. E engade, “por eses motivos presentamos inicialmente unha emenda á totalidade, de devolución, facendo un chamamento a que era mellor demorar máis tempo en facer as cousas ben que lexislar desde a improvisación que nos trasladaba o goberno”.

Desafortunadamente o goberno galego seguiu para adiante sen abordar pormenorizadamente unha cuestión tan complexa, “véndose agora as consecuencias”.

Por último, desde o BNG reclaman seriedade tanto da Xunta de Galiza como o Concello de Ourense para evitar o que ven acontecendo ao longo do último ano, “son recorrentes as desculpas e cruces de acusacións, primeiro co goberno bipartito PP-Democracia Ourensana, despois co goberno en solitario de D.O. e agora novamente cunha especie de goberno bipartito. Nas últimas semanas volvíamos asistir a un cruzamento de responsabilidades que está a resultar estéril e infructuoso, ao tempo que as instalacións termais, preto como estamos do verán, continúan pechadas”.