Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.


Nas ultimas sete semanas vin debullando no BADAL NOVAS toda unha serie de propostas nas que desenvolvía, cando menos, o que ao meu entender se debería considerar para acadar o que din en chamar un MODELO URBANO SAUDABLE PARA O CARBALLIÑO 2030, oportunidade que agradezo tanto ao editor, por facilitarme este medio de comunicación, como aos lectores por compartir esta inquietude.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste último artigo da serie, pártese de contextualizar a problemática xerada polo modelo urbanístico existente para satisfacer as necesidades do peón, e a continuación trato de sintetizar as solucións que fun aportando nos artigos anteriores de maneira que ao final o lector poida ter una visión de conxunto dunha das posibilidades de transformar a vila do Carballiño nun espazo apropiado para o peón.

Contextualización. A partir da segunda metade do pasado século O Carballiño sufriu unha profunda transformación como consecuencia do acusado incremento da súa poboación e do desenvolvemento económico experimentado. Estes factores influíron decisivamente no progresivo incremento do número de vehículos nas súas rúas, así como nos hábitos de desprazamento da súa poboación.

Desde xeito, o modelo de vila de Carballiño foi deseñado e desenvolvido pensando máis nas necesidades dos automóbiles que nas dos peóns[palvarez@1] . Esta deficiencia urbanística que parece evidente só con fixarse na capacidade das súas beirarrúas, viuse recentemente ratificada pola pandemia do COVID19 que veu a salientar as carencias, contradicións e disfuncións do actual “Modelo de Mobilidade Urbana”, para dar satisfacción as necesidades de acceso peonil aos bens e servizos e ás de lecer, en condicións saudables.

Por outra parte, Carballiño goza dunhas dimensións e características topográficas que permiten dispoñer DUN ESPAZO DESEÑADO PARA AS NECESIDADES DO PEÓN, o que significa que a maior parte dos desprazamentos cotiás non superan a distancia de 600 metros ou os 10 minutos camiñando, polo que se poden realizar andando na súa totalidade. É por iso que resulta imprescindíbel que os cidadáns a teñan a posibilidade de realizar a pé a maior parte dos desprazamentos urbanos de xeito confortable e seguro, especialmente os máis vulnerables como son as persoas maiores e os nenos.

Neste contexto, pareceume urxente e necesario abrir un debate sobre os riscos que comporta manter os actuais hábitos de desprazamento e as vantaxes que conleva favorecer os desprazamentos peonís para mellorar a calidade de vida, no que participen a cidadanía e as diferentes organizacións sociais.

Media ducia de propostas. Coa intención de centrar algúns aspectos esenciais que permitan o debate e a discusión sobre o “Modelo Urbano Saudable do Carballiño 2030”, elaborei toda unha serie de propostas dirixidas a transformar a estrutura urbana que agora tentarei de sintetizar.

1. Completar a améndoa peonil na zona norte. Trátase de engadir ao espazo peonil que conforman a Rúa Curros Enriquez e a Praza do Emigrante dúas novas zonas, unha situada ao leste da primeira e outra no noroeste da segunda: a zona da rúa Chamoso Lamas e o templo da Veracruz e os seus arredores.

O obxectivo é acadar un amplo espazo que consolide a súa propia identidade e funcionalidade peonil dentro do conxunto urbano, como se mostra na imaxe:

2. Creación de rutas peonis. Establécense seis percorridos peonís dende a “amendoa central“ cara o resto de espazo urbano, de forma cómoda e segura. Deste xeito, os itinerarios preferentes verían ampliadas as súas beirarrúas, ata acadar unha anchura mínima de dous metros, gozarían cada certa distancia de treitos con espazos apropiados para o descanso e o lecer das persoas maiores, e en consecuencia os automóbiles deberían ver diminuído o seu actual espazo de estacionamento

O obxectivo pretendido é o de complementar e interrelacionar os centros estanciais, así como toda a parte central do núcleo urbano en xeral, cós elementos mais. emblemáticos no sistema de organización urbana. A súa representación gráfica mostrase na imaxe

3. Diminuir o tráfico de paso polo centro da vila. O tráfico de paso existente no cinto que circunvala á “amendoa central peoníl” exerce unha gran presión sobre esta, chegando a establecer unha especie de fronteira que restrinxe a permeabilidade de comunicación a pé có resto do núcleo, dificultando o uso peonil do centro urbano.

A idea central desta proposta é que o tráfico de paso que discorre polo centro do pobo, debería ser redirixido cara o segundo cinto, é dicir, cara a Avenida do Balneario, na zona oeste, e cara as rúas Aquilino Sánchez e Alexandre Bóveda pola parte sur e leste do núcleo urbano, vías que se atopan infrautilizadas como canles colectoras e de distribución automobilística. Unha simulación desta idea móstrase na seguinte figura:

4. Reformular a configuración do tránsito motorizado no centro urbano. A configuración espacial da vila de Carballiño estrutúrase ao longo dun eixo lonxitudinal que a percorre de norte a sur, a rúa “Principal” e as rúas que a prolongan nesa dirección. Esta estrutura atópase seccionada, en dirección leste a oeste, pola antiga Estrada Nacional N- 541 (Ourense – Pontevedra), hoxe rúa Conde Vallellano, que constitúe posiblemente o eixo que soporta o maior tráfico do casco urbano, e que en consecuencia constitúe unha barreira que dificulta a integración urbanística do centro urbano.

As xa difíciles condicións de accesibilidade peonil desta zona, causadas polo efecto barreira do intenso tráfico que sofre, vénse severamente agravadas no treito da Alameda e a Praza do Emigrante. A presenza dun aparcamento subterráneo, con capacidade para preto de 250 prazas, con entrada e saída na rúa de separación das dúas pezas urbanas, e enfrontadas a escasos metros unha da outra, dificulta moito mais as necesidades do peón e impide o acougo e a seguridade que deben ter as zonas de lecer, especialmente se están destinadas ao desfrute dos mais pequenos e a rapazada.

Por outra parte, tamén cabe considerar que este eixo constitúe unha vía preferente para acceder á zona máis comercial da vila, polo que é preciso conservar e se é posible aumentar a capacidade de acceso.

Por todo o anteriormente exposto, esta proposta contempla, no eixo comprendido entre o final da rúa do Conde Vallellano ata o cruzamento da “Avenida” coa estrada de Astureses, limitar a rúa a un único carril transitable para os automóbiles, que facilite o acceso soamente en sentido leste – oeste. O tráfico de paso para atravesar o pobo pola “Avenida”, en sentido sur – norte, sería redirixido pola avenida do Balneario.

Unha simulación do que sería o resultado final do conxunto desta proposta de mobilidade para o centro urbano de Carballiño amósase na seguinte figura

Como se pode observar, tamén se contempla un tratamento de diminución progresiva da hexemonía presencial dos coches desde o inicio do sentido único, ata que chega a desaparecer o estacionamento de vehículos, de maneira que se infunda no condutor a percepción de que entra nun espazo de condución acougada pola convivencia entre coches e persoas. Unha vez transmitida a sensación de temperado do tráfico, e superada a zona da Alameda-Praza do Emigrante, retómase a capacidade de estacionamento de vehículos, que vai acrecentándose en intensidade a medida que se progresa pola “Avenida” e onde o ancho da mesma o permita.

Con esta proposta, ademais da función esencial de remediar ou corrixir o déficit de accesibilidade peonil entre a zona norte e o núcleo central da vila, orixinado pola elevada intensidade do tráfico, tamén se pretende acadar os seguintes obxectivos:

  • dotar O Carballiño “dunha entrada representativa”, no acceso de maior afluencia ao núcleo central,
  • establecer “un acceso emblemático”, cómodo e seguro entre o centro do pobo e o Templo da Veracruz, un dos seus principais puntos de referencia;
  • aumentar o espazo público de xogos e de lecer, na Alameda e na Praza do Emigrante, especialmente para que os colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores e os nenos, poidan desfrutar de maneira confortable e segura;
  • acrecentar a capacidade de estacionamento de vehículos, para favorecer a accesibilidade á Praza de Abastos e á zona máis comercial do centro da vila;

e, en xeral, recuperar o espazo público para o desfrute peonil da veciñanza, no que os peóns teñan prioridade sobre os automóbiles.

5. Achegar “O Parque” ao centro urbano. Un modelo urbano saudable debe resolver a continuidade territorial entre o medio urbano e o maior espazo verde de esparexemento e ocio do municipio, e un dos mais importantes de Galicia deste xénero, de maneira que se habilite unha canle de intercomunicación confortable.

A proposta trata de facilitar a conexión do centro urbano do Carballiño co “Parque Municipal”, pola Avenida Calvo Sotelo, dando continuidade á zona peonil da amendoa central e contribuíndo a aumentar a posta en valor deste espazo natural. Lémbrese que este é o acceso máis chairo para acceder a desfrutar do Parque, e tamén que nesta Avenida, ademais de diferentes servizos comerciais, se atopa o CEIP Calvo Sotelo e a Casa da Cultura que tamén acolle á Biblioteca Pública.

Para iso, estímase necesario limitar a Avenida Calvo Sotelo a un único carril transitable para automóbiles que facilite o acceso en sentido sur – norte. Ademais, unha das beirarrúas, acollería un GRAN CORREDOR VERDE QUE IRÍA DESDE A “PRINCIPAL” ATA “O PARQUE”, que proporcione ao camiñante una agradable sensación de acougo e de confortabilidade, e na outra ampliaríase o espazo para o uso peonil e destinaríase ao estacionamento en liña ou en batería, mesturado segundo o permita o ancho da rúa.

No treito da Avenida do Parque, manteríase o tráfico nos actuais dous sentidos, pero eliminaríase o aparcamento nunha beirarúa, para dar unha continuidade homoxénea ao gran corredor verde, e na outra ampliaríase o espazo para o uso peonil e manteríase o estacionamento en liña. Unha simulación desta transformación móstrase na seguinte figura:

A actuación urbanística nesta zona tería como finalidade, ademais da súa función de remediar ou corrixir o déficit de accesibilidade peonil entre o núcleo central e a zona sur da vila, acadar os seguintes obxectivos:

  • establecer un “corredor verde emblemático”, confortable e seguro entre o centro da vila e un dos seus principais puntos de referencia, o Parque Municipal;
  • implantar un “camiño escolar” seguro para facilitar o acceso ao centro de ensino;
  • instaurar un acceso cómodo e seguro para facer uso dos servizos culturais;
  • e crear unha nova infraestrutura verde para converter o espazo urbano nunha paisaxe amigable para o paseo, o descanso e o lecer.

Despedida. Por último, non quixera rematar esta serie de artigos sen volver a agradecerlles a atención mostrada durante esta tempada que estiven presente no BADAL NOVAS, na que contei coa xenerosa participación de Xosé Carballido, en todo o que se refire aos aspectos lingüísticos, así como a de Luís M. Martín, nas representacións gráficas, aos que agradezo a súa importante colaboración.

E de novo volvo a recordarlles a necesidade de abrir un debate para ACADAR UN CARBALLIÑO MAIS SAUDABLE, e especialmente neste tempo de pandemia, no que se teña como guía o lema do mestre José Fariña Tojo: CAMIÑAR É SAN, GRATIFICANTE E, ADEMAIS, BARATO.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano