Caballero propón acordar xa o mapa de prioridades sobre os proxectos para fondos europeos ante o “suspenso” da Xunta

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a aceptar a “man tendida” dos socialistas galegos para acordar a importancia dos proxectos que opten a fondos europeos. Chamou a superar a “opacidade, falla de rumbo e de compromiso” amosados polo goberno galego, que obtivo un “suspenso clamoroso” e que na súa “fuxida cara adiante” corre o risco de que se perdan as axudas.

“Galicia ten que aproveitar a oportunidade”, subliñou o líder dos socialistas galegos logo de lembrar que o mércores comparecerá por terceira vez o conselleiro de Economía nunha comisión de reactivación que “xa excedeu o prazo de duración” que PP e BNG acordaron para, dicían, tela rematada no pasado mes de xaneiro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por iso, Caballero chamou de novo ao acordo co presidente da Xunta e coas forzas políticas para evitar a perda de axudas para Galicia, logo de que pasaran de anunciar sete proxectos, que despois foron 106 e finalmente 354, co cal “ninguén cre xa que teñan unha estratexia”.

Diante do risco de que estes proxectos terminen sendo “papel mollado”, emprazou a “comezar a facer as cousas ben”, polo que ofreceu o coñecemento e o impulso dos socialistas galegos para que Galicia “non quede rezagada”. “Nós estamos dispostos a acordar o mapa de prioridades”, asegurou.

DESESCALADA

Ademais, o secretario xeral do PSdeG dirixiuse ao presidente da Xunta para esixirlle que “aclare a súa posición sobre o estado de alarma”, que hai seis meses según Feijóo era “demoledor e contraproducente” e agora resulta “imprescindible” para Feijóo.

“Non pode estar sempre con bandazos e levando a contraria”, sinalou, non sen requirirlle “lealdade” no consello interterritorial para levar adiante unha desescalada “segura”.

Máxime, como dixo Gonzalo Caballero, logo de aprobar en solitario unha lei de saúde con visos de “inconstitucionalidade” porque se arroga a competencia de restrinxir dereitos e liberdades fundamentales. “Foi un exceso”, incidiu no relativo á norma paralizada por un recurso ao Tribunal Constitucional,

De feito, chamou ao PP a que “se aclare”, porque mentres Ayuso reivindica unha falsa “liberdade” para Madrid, Feijóo tenta en Galicia sobordar a Constitución.

Fronte a este xeito de actuar “xerando conflitos e problemas”, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á “responsabilidade” e á “prudencia”, e comprometeu o apoio do PSdeG ás decisións da Xunta “coa información e o respaldo do comité clínico” para seguir avanzando na desescalada e na batalla contra o coronavirus.

REFORMA DO ESTATUTO

En paralelo, Gonzalo Caballero reivindicou hoxe o papel do Estatuto do 81, actualmente vixente, como base para “camiñar cara ao futuro” e chamou a afrontar a súa reforma logo da pandemia para “fortalecer a autonomía e o autogoberno” e xerar “novos dereitos e liberdades para os galegos e as galegas do século XXI”.

Así, emprazou a PP e BNG a “deixar o maximalismo” das posicións “inmobilistas” dos conservadores e do “separatismo e autodeterminación” dos nacionalistas para acadar un “gran acordo en base a un galeguismo construtivo e integrador no que todos os galegos esteamos cómodos”.

O líder do PSdeG lembrou a xornada do pasado sábado na que participaron o ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño e o catedrático de Dereito Político da USC Ramón Máiz, para reivindicar un proxecto de “galeguismo integrador”, que aposta polo autogoberno a partir dunha posición “autonomista, galeguista e federalista”.

Ademais, anunciou que os socialistas galegos traballarán de forma inmediata por vía parlamentaria para reclamar ata 30 transferencias para Galicia que resultan viables no actual marco constitucional e estatutario e que xa foron adquiridas por outras autonomías.