Gabriel Alén destaca o programa ‘bonos activa comercio’ da Xunta como elemento dinamizador do sector comercial

Acompañado da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez

  • O delegado territorial subliñou a colaboración da Federación Galega de Comercio nesta medida que conta cun orzamento de 10M€ dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes en Galicia
  • Gabriel Alén lembrou que esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que ten como principal obxectivo incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña

Ourense, 20 de abril de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá a un establecemento comercial, a florería ‘El Jardín de Juan XXIII’, para presentar o programa Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia, ao que dende o pasado xoves, 15 de abril, e ata o vindeiro 15 de maio, se poden adherir os establecementos interesados a través da web: www.bonosactivacomercio.gal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Acompañado da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, o delegado territorial manifestou que “se trata dunha medida necesaria no contexto actual, onde os efectos da pandemia en sectores como o comercio teñen un enorme impacto e requiren da reacción inmediata das diferentes administracións, así como de medidas de acompañamento”; subliñando que “esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

Gabriel Alén, que destacou a colaboración da Federación Galega de Comercio nesta medida, explicou que conta cun orzamento de 10M€ que se repartirán en bonos de desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.

O representante do Goberno galego explicou que este bono funcionará a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou superiores a 50

O delegado territorial lembrou que esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego, co que a Xunta de Galicia busca impulsar axudas que incentiven o consumo e favorezan a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

Súmase a outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos e que os particulares xa poden solicitar desde hoxe mesmo, martes 20 de abril; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio,  que apoiará tanto a mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética. Para esta última iniciativa, resérvanse 3M€ cos que se agarda chegar en Galicia a 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.