67 establecementos da provincia de Ourense adherironse á segunda convocatoria do bono turístico da Xunta

O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén visitou esta mañá a casa rural Lar das Pías no concello de Xunqueira de Ambía

  • O delegado territorial precisou que esta nova convocatoria permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno
  • Gabriel Alén destacou a boa resposta dos negocios do ramo e o enorme éxito que tivo esta segunda edición entre a cidadanía, que esgotou as tarxetas nas primeiras horas tras abrir o prazo de solicitudes
  • O representante do Goberno galego agradeceu a outras entidades provinciais, como á Deputación de Ourense, a súa contribución e a súa achega a este proxecto

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou esta maña na súa visita á casa rural Lar das Pías no concello de Xunqueira de Ambía que 67 establecementos da provincia,  case que 900 en toda Galicia, adheríronse á segunda convocatoria do bono tarxeta turística da Xunta #QuedamosenGalicia, unha iniciativa que busca dotar de liquidez ao sector e fomentar o turismo interno.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén destacou a boa resposta dos negocios do ramo e o enorme éxito que tivo esta segunda edición entre a cidadanía, que esgotou as tarxetas nas primeiras horas tras abrir o prazo de solicitudes, na que se inscribiron empresas como hoteis, paradores, balnearios, cámpings, aloxamentos de turismo rural, vivendas turísticas, apartamentos ou pensións e axencias de viaxes, repartidos por toda a provincia.

O delegado territorial precisou que a Xunta mobilizará máis de 6,8 millóns de euros este ano no marco do bono turístico co obxectivo de reactivar o consumo interno. Gabriel Alén apelou unha vez máis á necesidade de unir esforzos en favor da recuperación económica no actual contexto, polo que agradeceu a outras entidades provinciais, como á Deputación de Ourense, a súa contribución e a súa achega a este proxecto que busca incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise da covid-19.

O representante do Goberno galego salientou tamén que a boa resposta recibida pon de manifesto unha vez máis “a forza que está a demostrar o sector turístico da nosa provincia para resistir á pandemia despois dun ano de complicacións”, ademais “das ansias que temos todos de retornar á vella normalidade e de desfrutar do noso tempo de lecer con tranquilidade”.

Abanca será a entidade colaboradora na xestión destas axudas, que se materializarán a través dunhas tarxetas nas que a Xunta asumirá o 60 % do importe e os beneficiarios o 40 %. A diferenza do ano pasado, as empresas que se adhiran á nova convocatoria – o prazo para facelo segue aberto ata finais de ano- non teñen que facer ningún desconto sobre as tarifas dos servizos ofertados.

As tarxetas puidéronse solicitar con diferentes cantidades: unha de 250 euros, 150 €  abonados pola Xunta e 100 €   polos beneficiarios; outra de 375 euros, 225 €  abonados pola Xunta e 150 € polos particulares; e a terceira de 500 euros, 300 € abonados pola Xunta e 200 € polos particulares.