A Xunta apoia ao concello de Coles no acondicionamento da contorna do pavillón deportivo, o velorio e o campo de fútbol municipal

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou as melloras realizadas para a recuperación destes espazos degradados

As actuacións contaron cun apoio de case 32.000 euros por parte do Goberno galego ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

AVANTAR ACTIVIDADES

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as melloras levadas a cabo para a recuperación de varios espazos degradados no concello de Coles. Trátase de actuacións de acondicionamento na contorna que rodea ás instalacións municipais do pavillón deportivo, o velorio e o campo de fútbol municipal, no que a Xunta investiu o ano pasado 32.000 euros, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Durante a súa visita, Natalia Prieto destacou que os traballos realizados supuxeron unha mellora do entorno, facilitando o desfrute destes terreos municipais, e dos que ata agora non podían facer uso como área de esparexemento e ocio debido á súa degradación e contaminación. Deste xeito, tamén se contribúe á recuperación ambiental destes espazos e á conservación do medio ambiente.

Para iso, substituíronse pavimentos en mal estado e retirouse o material e os residuos que provocan un deterioro do entorno, así como a recollida de augas pluviais para evitar a acumulación de auga e a creación dunha rede de sumidoiros.

Esta axuda forma parte dos máis dos 246.200 euros destinados nos últimos anos pola Xunta ao concello de Coles mediante o Fondo de Compensación Ambiental ou a Orde de Infraestruturas de uso público. A través deste fondo tamén se concederon varias axudas para a mellora da eficiencia enerxética da Mancomunidade de municipios de Santa Águeda, da que forma parte o concello de Coles, xunto con Amoeiro, Vilamarín e A Peroxa.

Nesta liña, a directora xeral de Administración Local incidiu na importancia da colaboración da Xunta e os concellos para levar a cabo proxectos en beneficio dos cidadáns, e tamén entre as propias entidades locais coa xestión compartida de servizos para aforrar custos.

En canto ao Fondo de Compensación Ambiental, o Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros a esta liña de axudas que financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.