Comunicado de ADUR e Federación Vellez e Dignidade.

Preocupación nas familias diante das negociacións entre a Residencia de Celanova e a Fundación San Rosendo

Ante diversas información que apuntan que a Residencia San Carlos de Celanova está negociando a súa integración na Fundación San Rosendo, un dos principais grupos empresarias de España no sector das residencias de maiores, o noso colectivo fai as seguintes consideracións:

AVANTAR ACTIVIDADES


1. Preocúpanos que nin o órgano xestor da Residencia San Carlos nin a dirección do centro teñan informado ás familias de usuarias sobre as negociacións e as alternativas que están sobre a mesa, unha das cales inclúe afondar no carácter público da residencia e dar participación ás familias na xestión.  


2. Preocúpanos que o órgano xestor da Residencia San Carlos e a dirección do centro perdan capacidade de decisión ao se integrar a residencia nun grupo que xestiona 71 centros e 3.700 prazas. As decisións sobre Celanova xa non se tomarán en Celanova. E esta perda supón unha renuncia á filosofía de proximidade que viña mantendo a residencia co párroco Cesáreo Iglesias á cabeza. 


3. Esta proximidade estaba ademais no espírito da doazón dos terreos que deu orixe á residencia, e respondía o feito de que aquela doazón incluíse a participación do pobo de Celanova a través da figura do alcalde. Así mesmo, tamén correspondía o esforzo das Administración Públicas nos anos oitenta cando financiaron a construción do edificio.  


4. Preocúpanos que os actuais responsables da residencia deixen en mans dun grupo de funcionamento empresarial ese legado e que se renuncie á posibilidade de converter a San Carlos nun exemplo do que ten que ser o modelo futuro.


5. Máis alá da participación das familias e das traballadoras na xestión, os colectivos de familiares vimos reclamando un modelo de residencias pequenas, con mellores ratios e máis perfís no persoal de atención e cunha vocación de servizo público integradas nun modelo público de coidados.


6. A opción da Fundación San Rosendo suporía optar polo modelo privado de grandes centros con atención despersonalizada e insuficiente, como se revelou durante a pandemia, no que cadrar as contas está por riba de calquera outra consideración porque ese modelo obedece á xestión de anciáns e non do coidado dos maiores. Consideramos que está demostrado que ese modelo está obsoleto e mesmo pode resultar inhumano.


7. As familiares tamén nos preocupan os cambios que a Fundación San Rosendo poida traer a Celanova, en canto ao custe do servizo, a dotación de recursos humanos e materiais e ás relacións das familias cuns órganos de dirección que xa non estarán en Celanova. 


8. Por último, desde Adur e Vellez e Dignidade advertimos que de se concretar un acordo da Residencia San Carlos coa Fundación San Rosendo, camiñaremos cara un modelo de “aparcadoiro de anciáns”, que se foi claramente ineficaz durante a crise da COVID-19 porque xa o era antes, como denunciaron hai unhas semanas en Celanova representantes de Trega (asociación de traballadoras de residencias) e de Modepen (colectivo de pensionistas).