O PSOE de Punxín ofrece un acordo ó concelleiro non adscrito para sacar ó PP da alcaldía

Imaxe dun pleno no concello de Punxín en decembro de 2019.

As concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Punxín instan ao concelleiro non adscrito, Eulogio González, a “chegar a un acordo” para darlle a Punxín o goberno municipal que precisa nestes momentos. As socialistas amósanse dispostas a “dialogar” na procura de chegar a acordos co fin de “mellorar” a situación que vive na actualidade o Concello e co obxectivo de que a veciñanza do municipio “conte por fin” cun goberno municipal como merece e “acorde as súas necesidades”.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que “dous anos son máis que suficientes” para ver que o goberno municipal “é incapaz” de traballar día a día polos intereses da veciñanza. As concelleiras socialistas consideran que o principal problema actual é o alcalde do Partido Popular, Manuel Vázquez, co que consideran que “é imposible” que Punxín avance.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para as concelleiras socialistas a situación actual orixinada pola pandemia da COVID 19 “veu a amosar o que levábamos moito tempo reclamando”, que o Concello de Punxín “precisa dun cambio”. Para o PSdeG-PSOE de Punxín o municipio “precisa dun alcalde ou alcaldesa que traballe a carón da veciñanza e non de costas a ela” e subliñan que “temos a oportunidade de facelo posible”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, fai fincapé en que “é o momento de amosar que o que de verdade nos importa é Punxín” e apunta a que “nós estamos dispostas a falar, negociar e chegar a acordos co fin de que gañe Punxín e a súa veciñanza”. “Todos sabemos que co actual alcalde Punxín non só non avanza, senón que retrocede, polo que é preciso que contemos dende xa cun goberno municipal comprometido coa veciñanza”, apunta a voceira municipal das socialistas.

Peleteiro tamén relata que “nestes dous anos, as concelleiras socialistas levamos amosando o noso compromiso con Punxín e coa súa veciñanza” e afirma que “temos a oportunidade de levar a cabo políticas de progreso, centradas nas reclamacións veciñais”. “Temos a posibilidade de cambiar o rumbo de Punxín, tal e como nos encomendaron os nosos veciños e as nosas veciñas nas eleccións municipais de maio de 2019, cando apostaron maioritariamente por un cambio”, explica a voceira do PSdeG.

Para as concelleiras socialistas a actual situación que vive o Concello de Punxín “é insostible” e manifestan que “as reclamacións” da veciñanza ante o “desleixo”, a “incapacidade” e a “pésima” xestión do rexedor municipal “son cada vez máis frecuentes”. Por este motivo fan un chamamento ao concelleiro non adscrito para que faga posible un “cambio” no municipio e subliñan que “estamos a tempo de mudar esta situación e o sino do noso concello”.