A Xunta axuda na mellora de infraestruturas no Carballiño, Irixo, Boborás e Cenlle

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 39 concellos galegos, por un importe global de preto de 2,3 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se anuncia o esgotamento de crédito desta orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes. Esta liña de subvencións, ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta orde inclúense varias actuacións na nosa contorna. No Carballiño, a humanización na rúa Mirto, con renovación de saneamento, pluviais, abastecemento e iluminación; en Boborás, a humanización do núcleo A Vila, en Pazos de Arenteiro; no Irixo, a humanización da travesía O Irixo, e en Cenlle, a humanización dunha praza no núcleo de Laias.

Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.