Gonzalo Caballero ratifica o respaldo do Psdeg a Rafa Villarino fronte ao “intento de chantaxe” e a estratexia “antidemocrática” do PP para expulsalo da vida política

O líder dos socialistas galegos compara ao PP con Vox polo intento de expulsar a forzas que pensan diferente e sitúa ao PSdeG como “muro de contención contra comportamentos extremistas”

Rafa Villarino considera “inadmisible” a estratexia do PP de expulsalo da vida política do Concello e da Deputación para deixar a Baltar sen oposición provincial

AVANTAR ACTIVIDADES

Os deputados e deputadas socialistas no Parlamento de Galicia piden rectificación a Feijóo: é un “caldo de cultivo fascista”, sinala Arangüena

O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, recibiu hoxe na Cámara autonómica ao portavoz socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, para ratificar o seu respaldo fronte ao “intento de chantaxe” que está levando a cabo o PP. De feito, Caballero criticou a estratexia “antidemocrática” do PP para expulsar da vida política a un político “íntegro”.

O responsable socialista comparou a decisión do PP coa actitude de Vox, que “quere expulsar dos debates electorais de Madrid ás forzas políticas que pensan distinto a eles” porque quere “expulsalo das institucións de Ourense”. Así o dixo logo de que Villarino ofrecera a súa renuncia á alcaldía da cidade para facilitar unha moción de censura, ao que estes replicaron elevando as condicións e pedindo entón que abandonara a vida política.

Caballero deixou claro que “non seremos cómplices dun atentado contra os valores democráticos”, e erixiu aos socialistas galegos en “muro de contención contra comportamentos extremistas”. Explicou que “todos sabemos como se chama a ideoloxía dos que queren ocupar todo o espazo político e expulsar aos que pensan de forma distinta”, de xeito que situou o debate entre “a democracia ou o PP caciquil que cre que as institucións son algo da súa propiedade”.

“É a hora de que Feijóo dea a cara polo pacto do PP con Jácome”, que era a terceira forza política de Ourense e de quen Feijóo dicía que era “letal para Ourense”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente de que o PP vendeu á cidade a cambio de manter a presidencia da Deputación. Sinalou que os Baltar “campan ás súas anchas coa complicidade de Feijóo”.

Caballero mantivo hoxe un encontro do portavoz socialista en Ourense coa dirección do Grupo parlamentario no que tamén participaron os parlamentarios socialistas por Ourense Juan Carlos Francisco, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta.

Rafa Villarino

Pola súa banda, o portavoz socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, cualificou de “inadmisible” a reacción “con ira” do PP logo de que “decido apartarme nunha decisión difícil”. Criticou esta “estratexia predemocrática” e reclamoulle ao PP que “recupere a senda do 78” e pidan “públicas desculpas, comezando polo seu presidente”, Alberto Núñez Feijóo.

Ademais, explicou que o que esixe o PP supón non só deixar o concello, senón tamén a Deputación, co cal “Baltar queda tranquilo porque deixa de ter oposición” no ente provincial, mentres no Concello “deixo de ser alternativa para consolidar uns resultados que darían lugar a que o PP perdera o control da provincia de Ourense”.

Todos os deputados e deputadas do PSdeG no parlamento de Galicia iniciaron as súas intervencións no pleno criticando o “comportamento antidemocrático do PP” por pedir a renuncia de Villarino. O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, comezou a súa intervención criticando duramente o “intento antidemocrático de Baltar e Feijóo, en conivencia con Jácome, de expulsar da política de Ourense ao candidato máis votado nas pasadas eleccións municipais, Rafael Rodríguez Villarino”.

Arangüena subliñou que a intención dos populares demostra un “caldo de cultivo fascista perigoso” e ofrece “unha mostra máis de que Vox está no PPdeG”. Negoulle a lexitimidade a Baltar e Feijóo para intentar retirar a un “político impoluto” como o portavoz socialista en Ourense, que chegou a ofrecer a retirada da súa candidatura á alcaldía para favorecer unha moción de censura e foi respondido con novas condicións por parte do PP.