O Psdeg-Psoe de Ourense demanda que se investigue se o PP chegou a reclamarlle un suborno ao promotor do edificio de franciscanos a cambio da licencia de ocupación da obra

Villarino pide que se aclare o porqué da desaparición da documentación dunha construción “que leva anos realizándose e cumprindo con todas as condicións para levala á práctica”

Os socialistas sospeitan de “intereses espurios” do PP na xestión urbanística da cidade e acusan aos populares “sementar a dúbida” e “ensombrecer” os procedementos do Concello de Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense demanda que se investigue, canto antes, se un edil de urbanismo do Partido Popular chegou a reclamarlle un suborno ao promotor do coñecido como “edificio de Franciscanos” –situado a carón desta igrexa, na confluencia entre as rúas Xaquín Lorenzo e Cardenal Quevedo– a cambio de concederlle a licencia de ocupación da obra.

Así o expresou o voceiro dos socialistas na cidade, Rafa Villarino, trala terceira sesión da comisión de investigación convocada a petición do PSdeG-PSOE e do BNG para esclarecer as circunstancias que rodean a desaparición do expediente orixinal do edificio, e na que compareceu o promotor do mesmo, José Benito López Morenza.

“Hoxe dixéronse cousas moi serias, entre elas que o anterior responsable de urbanismo do PP chegou a reclamarlle, mediante whatsapp, un arreglo ao construtor para darlle esa licencia”, explicou o voceiro socialista en relación a José Cudeiro, quen ademais é asesor en materia de urbanismo na Deputación Provincial e anteriormente desempeñou o cargo de director xeral de Urbanismo na Xunta de Galicia. 

“Se isto é así, estamos ante un caso gravísimo que debe dilucidarse, se efectivamente ten base”, defendeu o socialista, ao tempo que puxo en cuestión as razóns polas que o Concello non comunicou ao promotor a desaparición da documentación no momento no que se produciu e logo lle solicitou unha copia da mesma en man, e non de xeito oficial. “Pedíronlle que entregase el a documentación que faltaba e que non o fixera por rexistro”, detallou Villarino sobre un asunto que cualificou de “espiñoso”.

“A documentación que foi enviada ao xulgado é falsificada, parece que o Concello non ten a orixinal, que entregara o construtor”, sinalou o voceiro socialista, quen reivindicou a necesidade de esclarecer o porqué da desaparición da documentación orixinal dunha obra “que leva anos realizándose e cumprindo todas as condicións para levala á práctica”.

Cómpre lembrar que o grupo municipal do Partido Popular se opuxo á convocatoria urxente da comisión de investigación sobre a xestión da licencia de ocupación do edificio, polo que dende as filas socialistas sospeitan de “intereses espurios” na xestión urbanística da cidade por parte do PP. “Que teñen que ocultar?” preguntouse Villarino.

Así as cousas, o socialista acusou aos populares de “sementar a dúbida” e “ensombrecer” os procedementos do Concello de Ourense á hora de dar licencias aos construtores. “Cantos máis hai afectados? Se os hai, é o momento de que saian falar”, concluíu o voceiro dos socialistas no Concello de Ourense.