Comunicado da xestora do Psdeg-Psoe na cidade de Ourense sobre a carta remitida polo presidente local do PP Jesús Vázquez

 A xestora do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense quere pór de manifesto, trala carta recibida esta fin de semana por parte do presidente local do Partido Popular na cidade de Ourense, Jesús Vázquez e na que poñen como condición para sentarse a negociar a moción de censura, que o voceiro municipal e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino non renunciará súa acta de concelleiro e deputado provincial.

Para a xestora socialista esta petición resulta unha chantaxe inadmisible e impropia do noso tempo, por parte dunha formación que se considera democrática, pero que con esixencias coma esta amosa a súa falta de respecto e a conculcación do lexítimo dereito de representación política que asiste aos concelleiros e deputados electos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, a xestora do PSdeG-PSOE recorda que Rafael Rodríguez Villarino foi o candidato máis votado nas últimas eleccións municipais e contou co respaldo de 14.562 veciños e veciñas de Ourense, acadando un total de nove concelleiros socialistas con representación na actual corporación municipal.

A democracia falou ben claro nas últimas eleccións e a cidade deu o seu respaldo o PSdG-PSOE de Ourense e o seu voceiro. Queda demostrado que o Partido Popular de Ourense non quere mudar o sino da terceira cidade de Galicia, sumida no caos da man do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao que o PP prestou os seus votos para colocalo na cadeira de mando e ao que a día de hoxe segue apoiando, como se demostra na súa negativa a asinar a moción.

A xestora tamén quere agradecer publicamente e subliñar a xenerosidade e o traballo de Rafael Rodríguez Villarino a prol da cidade de Ourense, renunciando a encabezar a moción de censura como alcalde, segundo lle correspondería dados os resultados electorais. Un xesto sen precedentes que honra ao noso candidato e que amosa que para o PSOE o importante é a cidade de Ourense e rematar co desgoberno, parálise e desleixo na que vive sumida da man do microgoberno de Jácome, que conta co apoio e a complicidade do Partido Popular.

Consideramos que Ourense merece un goberno estable, que traballe por unha cidade totalmente esquecida polo seu goberno municipal e polo Partido Popular, polo que lle pedimos ao PP que se deixe de xogos antidemocráticos e que pense na cidadanía de Ourense, farta xa desta situación de bloqueo político. Ourense precisa dun goberno serio e acabar dunha vez por todas con esta situación.

Finalmente, a xestora socialista da cidade quere condenar o intento, por parte do Partido Popular, de desterrar e aniquilar politicamente, a Rafael Rodríguez Villarino, e a tódolos socialistas de ben que non comulgan coas ideas e prácticas antidemocráticas dos dirixentes populares de Ourense, ademais de amosar o seu apoio aos veciños e veciñas que foron vítimas do exilio e a emigración forzosa, como única saída fronte ao  empobrecemento e caciquismo na nosa provincia.