Hai ano que a Xunta anunciou o plan sen que o goberno galego fixese aínda nada, polo que os socialistas pedirán no pleno da Deputación de Ourense “acabar con esta terrible situación de abandono”
“A situación está a agravarse pola pandemia” así que “non podemos agardar máis” porque “é inaceptable atopar persoas mortas desde hai meses na súa casa sen que ninguén as bote de menos”, denuncian
O PSdeG-PSOE de Ourense promoverá a aprobación urxente dun plan integral contra a soidade non desexada, que xa afecta ao 20,5 % dos fogares da provincia. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación deste venres, reclamará unha diagnose deste problema e, de xeito prioritario e en función dos resultados desde estudo, a aprobación dun plan galego para actuar ante este fenómeno.
“Debemos acabar coa inacción da Xunta e actuar con premura, polo que esiximos máis accións e menos propaganda”, aseveran os socialistas. “A soidade non desexada e o sentimento de baleiro existencial son problemas reais que, por mor desta pandemia, están a producir situacións alarmantes”, advirten antes de matizar que “desde os poderes públicos cómpre traballar para implementar políticas que permitan manter a autonomía e independencia a medida que se envellece”, evitando así a “actual situación de terrible abandono”.
Hai máis dun ano que a Xunta de Galicia anunciou un plan de actuación destinado ás persoas en situación de soidade non desexada sen que, polo de agora, o goberno galego fixese nada. “A situación está a agravarse pero, polo de agora, seguen a ser persoas abandonadas”, así que “nin podemos nin debemos agardar máis”. “Deben desconxelar as medidas contra a soidade non desexada”, reclaman desde o PSdeG-PSOE.
No caso de Ourense, os datos do IGE describen que uns 17.000 veciños e veciñas de máis de 65 anos viven en soidade. Isto representa, aproximadamente, o 5,5 % do total de habitantes da nosa provincia. Este dato tamén destapa que máis do 13 % dos fogares ourensáns están conformados por persoas maiores en soidade. Ademais, a taxa de risco de pobreza é a máis alta de toda Galicia: un de cada cinco fogares (20,5 %) están nesa situación, unha porcentaxe moito maior que a das outras provincias galegas.
“É preciso previr a soidade dos nosos maiores e a súa seguridade, fomentando as súas capacidades psicolóxicas e funcionais, adaptando a súa contorna cultural e persoal, e fomentando un envellecemento activo e saudable” porque “a soidade é un dos maiores riscos de deterioro da saúde”. Entre as “alarmantes” consecuencias derivadas deste fenómeno destacan as persoas que deixan de comer; as que padecen depresións; e o risco de padecer agresións, roubos ou abandono total. “Non é aceptable atopar persoas mortas desde hai meses na súa casa sen que ninguén as bote de menos”, denuncian.
“O problema non só é unha cuestión que afecta aos maiores, pero ben é certo que 126.000 dos fogares unipersoais corresponden a persoas maiores de 65 anos” destacan os socialistas antes de matizar que “a maior parte están formados exclusivamente por mulleres”.
Desde o PSdeG-PSOE ourensán recordan que o Parlamento de Galicia alcanzou un acordo por unanimidade hai xa dous anos, co fin de reaccionar ante a soidade non desexada, polo que piden encarecidamente “a todas as forzas políticas do pleno provincial de Ourense esa mesma responsabilidade, para facer posible unha solución contra un problema que a pandemia fixo aínda máis urxente”.