O BNG lamenta os incidentes acaecidos esta fin de semana na Praza dos Suaves e reitera a necesidade de dotar de medios á Policía Local

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Tal e como alertaron a semana pasada, a día de hoxe a Policía Local de Ourense dispón de tres vehículos menos, curiosamente os máis novos da frota e que contaban con mampara para o traslado de detidos, por ter rematado o seu renting ante a imprevisión do Goberno local

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense lamentan e condenan os incidentes desta pasada fin de semana na zona histórica da cidade, concretamente na Praza dos Suaves e na que, por desgraza, se evidenciou unha vez máis a falla de medios e de previsión por parte do actual Goberno Local para coa Policía Local.

Tal e como denunciou o BNG a semana pasada, o día 20 de abril rematou o renting dos tres vehículos dos que dispuña o corpo e que contaban con mamparas e espazos habilitados para o traslado de detidos. Un renting que xa se sabía desde a sinatura do propio contrato que remataría este pasado mes de abril, polo que os nacionalistas lamentan a falla de previsión do actual executivo local para ter resolto o novo contrato ou mesmo de ter prorrogado o anterior e evitar así esta situación.

Actualmente no parque móbil hai dous coches habilitados para o traslado de detidos pero debido a súa antiguidade, o día dos feitos atopábanse, e de feito atópanse a día de hoxe, no taller.

A reclamación tanto de medios materiais como humanos no corpo da Polícia Local ven de lonxe, e resulta ser unha imperiosa necesidade tal e como ven denunciando o BNG desde o inicio do actual mandato, polo que reclaman do Goberno Local celeridade á hora de cubrir as necesidades existentes no corpo á maior brevidade posíbel.

Para o BNG resultan sorprendentes e inaceptábeis as declaracións do Concelleiro delegado de Seguridade Cidadá ao afirmar que “xa había queixas de material cando estaba na oposición, pero desde que son responsable non se me transmitiu nada”. Pídenlle que deixe de escusarse, asuma as súas responsabilidades e aporte solucións.