O PSOE pedirá que Ourense se adhira á rede de entidades locais para o desenvolvemento da axenda 2030

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao pleno municipal deste venres unha iniciativa para instar ao Concello a adherirse á Rede de Entidades Locais para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030, así como a posta en marcha dun plan estratéxico de acción local que asegure o seu cumprimento.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Como administración máis próxima á cidadanía, o Concello de Ourense debe asumir os seus retos, comprometerse coa cidade e protexer a saúde e o benestar dos seus habitantes”, explicou a concelleira Natalia González. Neste sentido, González subliñou a necesidade de “tomar a iniciativa de cara a unha nova axenda urbana de Ourense, na que quede patente a nosa achega á sostibilidade global”.

Así mesmo, a edil socialista amosou a súa preocupación polo estado de incumprimento das metas marcadas pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible, que a principios deste ano publicaba un informe –”Los ODS en 100 ciudades españolas” – no que consta que Ourense só cumpre dous dos seus 17 obxectivos.

“Neste documento, a mellor valoración lévaa a educación e o servizo de auga. Por debaixo atópanse outros indicadores como a igualdade de xénero, o traballo digno, a industria ou a innovación; e nun lugar especialmente preocupante están a saúde, a enerxía, a dispoñibilidade de chan industrial ou a innovación”, detallan dende o grupo municipal socialista.

En canto ás 169 metas específicas, lamentan que Ourense só cumpre cun 9% do total, e ademais un total de 15 “aparecen marcadas en laranxa”, o que indica que están moi lonxe de alcanzar o seu cumprimento. 

Así as cousas, os socialistas esixirán “o firme compromiso do goberno local” para poder avanzar no desenvolvemento dos obxectivos da Axenda 2030 e solicitarán que o pleno do Concello active o procedemento de definición, creación e execución da nova Axenda Urbana 2030 e do seu correspondente Plan Estratéxico de Acción Local.

Axenda 2030: 17 obxectivos, 169 metas e 231 indicadores

A Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible é un documento que foi aprobado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) o 25 de setembro de 2015, e no cal un total de 193 países se comprometeron co cumprimento de 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) para o ano 2030. Os ODS, coas súas 169 metas e 231 indicadores, perseguen a igualdade entre as persoas, a protección do planeta e a prosperidade como parte dun novo contrato social global para que ninguén quede atrás.

O 29 de xuño de 2018 o Consello de Ministros do Goberno de España aprobou o “Plan de Acción para a Implementación da Axenda 2030: Cara a unha Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible”; e o 22 de febreiro de 2019 presentouse no Consello de Ministros a Axenda Urbana Española, un documento estratéxico de adhesión voluntaria que, de conformidade cos criterios establecidos nas axendas internacionais, persegue o logro da sostibilidade nas políticas de desenvolvemento urbano.