O Campus de Ourense, o que máis medra en Galicia, fortalecido con titulacións de futuro

Sinatura convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación Ourense. Asinan Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Manuel Joaquín Reigosa Roger (Reitor da Universidade de Vigo).

O Campus de Ourense é o que máis medra en Galicia, fortalecido con titulacións de gran interese e futuro. Así o destacaron hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, trala reunión que celebraron no Pazo Provincial, na que analizaron a evolución do Campus, que reflicte que o espazo académico ourensán é, en canto ao número de alumnos, un dos dous que máis creceu nos últimos dez anos en toda Galicia superando, ademais, en número de alumnos aos campus de Lugo, Pontevedra e Ferrol. 

Neste sentido, Baltar cualificou “de gran nova que Ourense acolla a implantación do grao e mestrado en Intelixencia Artificial no curso 2022-2023 -50 prazas para o grao o 20 para o mestrado-. Iso é equilibrio territorial, pero tamén é responder a un campus que está máis vivo que ningún outro, de tal xeito que dos sete galegos é o que experimenta as mellores cifras de crecemento e tamén di moito da calidade, neste caso, da Escola de Enxeñería Informática. Desde a Deputación de Ourense, como administración impulsora do campus, estamos moi satisfeitos”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na liña da alianza de colaboración entre ámbalas dúas entidades, Baltar e Reigosa asinaron hoxe o convenio de colaboración para levar a cabo proxectos de difusión cultural, “unha colaboración que vimos mantendo todos estes anos”, e falaron de novos proxectos e tamén do Plan Estratéxico 2021-2027 de Universidade de Vigo, en relación ao cal Baltar felicitou ao reitor e ao seu equipo “polo seu contido e planificación, agardando xa á seguinte xuntanza que será igual de proveitosa para Ourense e para Galicia”, expresou Manuel Baltar. 

Pola súa banda, Manuel Reigosa agradeceu o apoio do presidente da Deputación de Ourense “ao noso plan estratéxico, que vai marcar o futuro do desenvolvemento do campus”, e tamén “á colaboración que presta sempre para o desenvolvemento do campus, das nosas instalación e das nosas titulacións”. “Neste momento temos compartida esta ledicia polo acordo que acadamos entre as tres universidades e a consellería para a impartición en Ourense do grao e mestrado en Intelixencia Artificial, pois isto vai a fortalecer moito máis ao campus e á industria da provincia de Ourense”. 

Reigosa remarcou “a satisfacción dos acordos que acadamos coa Deputación de Ourense e das liñas de futuro que marcamos” e salientou que o Campus de Ourense “está cada vez máis reforzado con titulacións de moitísimo futuro, e vai ser un campus cun desenvolvemento espectacular que vai a axudar a que a provincia e a cidade de Ourense teñan un pulo económico moi potente”, afirmou o reitor.