A Xunta apoia con 113.600 euros os gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense

  • O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de agrupacións de case 190 concellos galegos de menos de 50.000 habitantes
  • As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total 64 Agrupacións de Voluntarios da provincia de Ourense nas que se inclúen as Mancomunidades do  Ribeiro e Terras de Celanova

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 340.000 euros.

As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 188 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade. Por provincias, 61 asociacións da Coruña recibirán axudas por valor de case 115.700 euros; en Lugo, serán 33 agrupacións, cun orzamento de máis de 54.800 euros; en Ourense, hai 64 beneficiarias grazas a un financiamento duns 113.600 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 30 agrupacións, con máis de 55.600 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 concellos galegos e 2 mancomunidades. Entre o material cedido inclúense 12 remolques de emerxencias, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 4 embarcacións pneumáticas, 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparexedores de sal.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) supón case 20 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación neste eido.