Polo Avieiro de dona Emilia (41): A Loba de don Aurelio

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Vermú, xenebra, espumante, licores varios, viño, cervexa…, todo baixo o rótulo de Pepa A Loba. Bares, pubs, cafeterías, restaurantes, taparías… recórdana nos seus letreiros. Editoriais e latas de conserva, camisolas con diversa iconografía dunha muller forte, baril, fermosa; bufandas celtistas ondeando co seu nome inscrito; os Herdeiros víranse Cuadrilla de Pepa A Loba e cinco rapazas enchen salas de concertos convocando a súa Banda.

AVANTAR ACTIVIDADES
Os Herdeiros mudados en cuadrilla

Festa no Carballiño e asalto ao Pazo da Cruz na Paradanta. Os países vivos constrúen mitos, inventan a tradición, aquela que non se esvaece con mudanzas costumistas senón a que permanece ancorada no pasado, forxando a continuidade.

A Banda da Loba

            As historias da capitá de bandidos pasan de boca en boca, de lugar en lugar, esténdense polo país, que as fai súas, en cada bisbarra xorde un dito, abrolla unha historia e chántase unha casa na que viviu a Loba. A “experiencia vivida” convértese en “experiencia  transmitida” a través do relato oral; cando este semella esgotarse xorden as formas literarias para reinventar a tradición, como fixeron Antonio Rey Soto, en 1918, e Aurelio Miras, cincuenta anos despois[1].

Capa do libro de Rey Soto

A poñer negro sobre branco axudaron investigacións, difusións[2] e recreacións literarias[3] que mantiveron viva a personaxe da valente, fermosa e decida bandoleira, para entregarllo ás mozas actuais que non só reivindican, senón que exercen a igualdade de xéneros e ollan na xefa de gavela un símbolo contemporáneo da tradición estampado como afirmación nunha camisola.

            Unha primeira cuestión a dilucidar sería a da existencia ou non da famosa bandoleira. Asunto menor para a tradición. A ninguén dos que durante séculos peregrinaron a Compostela lles causa desengano a “inventio” politico-militar de Afonso II. Mesmo, para o fenómeno xacobeo, sería indiferente que a arqueoloxía demostrase que o herexe Prisciliano está alí soterrado no canto do apóstolo Santiago. Os peregrinos seguirían chegado, poderán deixar de facelo por moitas outras razóns, pero non pola ausencia de base material na tradición.

            A inexistencia de documentos sobre a Loba non empece a súa existencia, como tampouco a debilita a dispersión das localizacións da súas andanzas. Miras Azor deixoulle ben claro a Carlos G. Reigosa que, nos anos anos que viviu en Lalín, foi  cando recolleu, das voces das xentes do Deza e Trasdeza, as historias de Pepa e Dorinda, aínda que non visitase os lugares aos que facían referencia. Foi en conversas na vila onde tomou as notas. Non hai moita dúbida de que por terras dezás e nas súas lindeiras (O Carballiño, O Ribeiro, Tabeirós) actuou a Loba, cando menos nunha longa etapa da súa vida. As intensas referencias ás fazañas da xefa bandoleira na Chá luguesa, nas terras de Ortegal e noutras zonas do país poden ter explicación diversa. Non hai dubida de que outras mulleres, Chao Espina cita algunhas,  integraran as cuadrillas, aínda que non ostentasen a xefatura das mesmas; que “Pepa A Loba” se convertese nun xenérico, tal como no caso de “Foucellas”, empregado, cando menos na area dezá, para referirse aos guerrilleiros antifranquistas, por mor da popularidade acadada por Benigno Andrade “Foucellas”. É tamén posíbel que nalgún momento a Loba mudase de territorio de acción ou asentamento. En canto ás dificultades para delimitar un espazo temporal, unhas veces sitúanse as súas accións na primeira metade e outras na segunda do século XIX, nada nos debería estrañar nin é argumento para considerar a figura da bandoleira unha pura invención. As confusións temporais nos relatos orais son frecuentes. Na mesma zona dezá escóitanse “historias” do período das carlistadas e da posguerra española, e a confusión entre “fauciosos”, en referencia a facción carlista, e “foucellas”, denominación dos guerrilleiros, é constante.

            Á parte das breves referencia do marqués de Figueroa, da Pardo Bazán e de Concepción Arenal, que seica a visitou no cárcere da Coruña, o primeiro relato extenso sobre a Loba  é o de Antonio Rey Soto[4]. En pouco se parece ao elaborado por Miras, agás no alcuño e na actividade ladroeira da protagonista que, segundo o sacerdote, estendeu a súa fama dende Guitiriz ata a Limia, o Courel  e as ribeiras do Miño. A Loba  aterrorizou e roubou tanto a arrieiros, por máis que xuntasen as súas recuas de mulas e machos para evitar ser salteados, como a reitorais ou pazos e “históricas y acastellanadas mansiones de los mayorazgos de linaje”[5] por moito que puxesen trancas nas portas, pois o seu “maravilloso ejército de espías” a mantiña informada para dar os golpes máis audaces ou burlar os gardas civís máis afoutos.

            As xentes cantaban e contaban as súas fazañas nas noites de invernía; relataban a vida de María Rosa que aos 15 anos ficou orfa da súa pobre nai, Andrea. Andou a traballar no que puido ata que a chamaron para apañar aveas entre as viñas do pazo de Tameirón. Don Pedro Ventura de Somoza y Pérez era o amo. Fillo do señor e unha “montañesa”; o pai recoñeceuno tras casar coa nai, que pasou de chamarse Marica a que lle dixesen Misia Mariquiña. Así puido herdar. Don Pedro, con cincuenta anos, encaprichouse da fermosa rapaza que tan ben cantaba os alalás e un ano despois María Rosa mandaba en Tameirón co mesmo despotismo que sobre os sentimentos de don Pedro. Pasou outro ano e a moza mandarica ficou preñada. Foi tomar os baños a Marín e regresou, catro meses despois, cunha ama de cría e un rapaciño fillo dunha curmá que esta non podía criar. Cada certo tempo María Rosa volvía tomar os baños e regresaba con outro sobriño.

            Os nenos medraban, a beleza de María Rosa murchaba, as trécolas do astuto capataz non amainaban e don Pedro botouse ás corredoiras na procura de carnes duras. Doída, María Rosa comezou a maltratar os fillos e a desatender a casa. As habilidades de Adosinda, a filla do muiñeiro, os desexos deste e mais as trampulladas do “cachican” do capataz, conseguiron que don Pedro a botase da casa. A ela e aos fillos. Enrabiada, María Rosa rexeitou as catro moedas que lle daba o capataz por orde do señorito ao que ameazou con cobrarlle en sangue o que con sangue lle dera.

            Vivía agora, como cando era cativa, nunha cova cos seus famentos fillos. Envelenounos aos poucos con sénica para matar os ratos. Primeiro o máis cativo. Dous anos despois os outros dous. Deixou a Amaro, o maior, ao que lle inxectou odio aos ricos. Un día desapareceron da aldea e comezouse a falar dunha gavela de ladróns. Pouco tempo despois arrasaron o Pazo de Tameirón, levaron os diñeiros, a prata, as roupas… e acoitelaron como porcos a don Pedro, Adosinda e dous nenos de berce. Á capitá da gavela comezaron a chamarlle Loba, pero non volveu matar a ninguén sen necesidade.

            Será a obra de Miras a que fixará o relato sobre a Loba, a comezar polo nome e a substancia da trama. Pepiña era filla da Falucha, muller moi pobre, medoñenta e non moi lista; vivían nunha mísera cova en Moedo. Eran felices ao seu xeito. Pepiña coidaba das ovellas da tía Dorinda, labor no que a axudaba o seu can Lueiro. O lobo espreita, ataca, mata unha ovella, vai por outra, pero a nena enfróntase a el co caxato mentres chama a Lueiro, aquela natureza mítica, protectora dos nenos sen pai, aquel enorme mastín, para que acuda a salvar a nena das fauces lupinas. Cando o lobo xa lle botara os dentes ás costas da rapaza, Lueiro chímpase sobre el e en loita titánica préndeo polo lombo e pártelle a columna. O can leva a nena ata a cova-casa e  lámbelle as feridas durante días ata que foron curando. Dorinda, sempre aproveitada na súa actividade mendicante, pide prestado un burro para que Pepa percorra as aldeas levando o lobo morto en procesión e recolla boas esmolas. Os rapaces acaban alcumándolle Loba e co paso do tempo guindándolle cantazos polo mal cheiro do lobo podrecido.

            Aos trece anos, enferma de febres, ten que observar como o Brután mata a pancadas un mulo e despois viola a súa nai sen poder facer nada polo seu estado de prostración. A Falucha fica preñada. Leva mal o embarazo, atendida pola incapaz e envexosa Dorinda. As veciñas piden axuda  ao albeite Miguel, ex-seminarista, personificación de todas as maldades,matador do seu propio pai, despois fará o mesmo co irmán, posíbel pai de Pepa e causante da súa desgraza. No relato noméano pola profesión. Os latíns do albeite non resultan; o neno nace morto e a Falucha falece.

            Pepa queda a cargo da tía mendicante que lle vai aprender o oficio no que a espelida rapaza destaca deseguido.Cun falso brazo tolleito, obtén moito máis beneficios que a tía. Será a escola da Pepa, entre tortas e tramposas pousadeiras, ficticios leprosos, falsos peregrinos, cegos que ven e a aproveitada Dorinda. Esta decide colocala de criada na casa-tenda do vello Ramón, home abastado e traballador, irmán do albeite, coa argucia dos dicires sobre quen era o proxenitor de Pepa e a esperanza de que as fermosuras da moza lle permitisen a ela asegurarse un futuro. Dorinda sae coa súa. Tío Ramón acolle a rapaza para atender a tenda e os labores da casa. A moza pronto se converte na ledicia do vello que lle colleu tanto cariño que contratou un estudante para que lle ensinase a ler, escribir e os números precisos para levar a tenda cando el faltase, e mesmo fixo de alcaiote procurando xuntar a Pepa con Alberto, como ambos tamén desexaban. Converteuse Ramón no pai real de Pepa e procurou a súa felicidade a través do matrimonio co escolante.

Todos a reclaman

            Mais o odio axexaba. O albeite agoniábase pensando que as riquezas do irmán fosen parar á filla da Falucha e ideando estratexias para o mal: matar o irmán, culpar a Pepa e o escolante e ficar coa tenda e as riquezas. Así aconteceu. Pepa ten sorte, na vez de aforcala condénana a perpetua.

            Don Aurelio subtitulou a súa novela “como la sociedade creó una delincuente”, esa é a súa visión: “No fue sólo el Brután, ni el Albeite, ni el Tribunal; no. Fue la sociedad entera; la sociedad misma, que después sufrió sus ataques, la que fué forjando día a día a la famosa Pepa Loba”. A esa sociedade perversora, vista con anteollos roussonianos, axudou, facéndolle máis dano que o xuíz ou mesmo que o albeite, a súa propia tía, estragándolle a imaxe da súa tenra nai, contándolle, na cadea e como vinganza pola frustración dos seus plans de aproveitada, a concepción de Pepa durante unha borracheira da tolitates da nai, nunha violación múltiple na feira de Padrón.

Algúns deseños

            No cárcere Pepa planea a vinganza. Foxe disfrazada de cura. Acode a casa da tía para recuperar a Lueiro e saber que o escolante marchara a América pero que nunca alá chegará por se afundir o barco. Co enfrontamento final e a morte do albeite, o seu bautismo de sangue, remata a súa xuventude e a novela de Miras da que a de Reigosa será, en certo xeito, continuidade, desenvolvendo a figura da Pepa bandoleira pero rememorando aconteceres e personaxes da etapa xuvenil.

            Seguro que don Aurelio estaría ben ledo de saber do seu importante papel na transmisión da tradición inventada de Pepa a Loba, ata converterse nun símbolo máis da identidade galega e nun día de festa no Carballiño.


[1] Rey Soto, A. (1918): La Loba. Madrid: Librería de la viuda de Pueyo; Miras Azor, A. (1968): Juventud de Pepa Loba. Vigo: Faro de Vigo;

[2] Chao Espina, E. (1977): Cien Años de Galicia (1850-1950). Tomo I. Ortigueira: Imprenta Fojo; Costa Clavell, X. (1980): Bandolerismo. Romerías y jergas gallegas. A Coruña: Biblioteca Gallega; López Morán, B. (1984): El bandolerismo gallego. Vigo: Xerais

[3] Iglesias Araúxo, B. (2001): A vida apoteósica. Vigo: Xerais; González Reigosa, C. (2006): Pepa A Loba. Vigo: Xerais.

[4] Antonio Rey Soto (1879-1966), o sacerdote que oficiou o matrimonio de Virxinia Pereira e Castelao, do que era amigo. Licenciado en Dereito e Teoloxía, foi tamén xornalista e fundou a produtora cinematográfica Celta Film. A súa obra é case toda en castelán. Bibliófilo, a súa colección doouna ao mosteiro de Poio que é onde se conserva na actualidade.

[5] Aspecto no que se contrapón coa visión da Loba que ten de banqueira unha fidalga, é amiga dun “conde”, segundo o relato do marqués de Figueroa, ou coa explícita negación da Pardo Bazán de que asaltase “castillos y pazos”.


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba

Polo Avieiro de dona Emilia (40): A Loba en Cebre