5º Encontro sobre os impactos da minaría da Rede ContraMINAcción

O pasado sábado 8 de  maio, no  entorno da praia fluvial de  Cerdedo (concello  afectado polo dereito mineiro ALBERTA I xunto cos de Forcarei, A Lama (en Pontevedra) e Beariz e Avión (Ourense) enmarcado dentro 5º Encontro sobre os impactos da minaría da Rede ContraMINAcción, tivo lugar unha xornada, organizada pola Plataforma SOS Suído  Seixo, cargada de actividades.

Deu comezo  cunha mesa redonda que tratou as “Problemáticas da Minaria” na que se debatiron temas como a “Defensa do territorio” e na que participou xente da “Plataforma Mina Touro-O Pino Non”, da “Rede Galega  por un  Rural  Vivo” e  da propia plataforma SOS Suído  Seixo. Tamén  se  achegaron representantes de  Portugal do  “Movimento  SOS Serra  d’Arga”  e de  “Unidos  em  Defesa de Covas do Barroso”afectados tamén pola megaminería de Litio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na segunda  parte  déronse a coñecer proxectos locais como “Alternativas á Minaría” coa exposición de empresarias da zona de turismo rural, de producción de mel e da CMVMC de Rebordelo que puxo en  marcha  accións de  recuperación  do  Monte  comunal  coa figura xurídica de  protección ambiental da “Custodia do  territorio” en colaboración con Adega.

Ao encontro achegáronse numerosas persoas das comarcas próximas que mostraron as suas inquedanzas e preocupacións ante os proxectos mineiros e eólicos que están a ser proxectados por toda Galicia.

Xa pola tarde, os mais pequenos e non tanto, desfrutaron do espectáculo de monicreques “Pinga e Lavandeira”   galardoado pola Global RCE Network da United Nations University sobre os impactos ambientais da minaria creado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e Montescola  en   colaboración  con   Contraminacción,   rede  contra  a minaría destrutiva de Galiza e outros coletivos.

A xornada culminou cun  roteiro pola zona e cunha foliada, mantendo sempre as recomendacións sanitarias  establecidas polas autoridades correspondentes.

Durante toda a xornada proxectaronse curtas documentais e expuxéronse infografías sobre os “Impactos da Minaría”.

Contouse ademais con  puntos de información como   a “Plataforma de Defensa da Dorsal  Sur  Galega”  e a “Asociación  Alarma”, constituídas recentemente co   obxectivo de ofrecer apoio e información acerca dos proxectos eólicos  que  se prevén instalar nas serras do Suído, Cando e Faro de Avión e na comarca histórica da terra de Montes.