A Xunta destina 24,4 millóns de euros á conservación e á vialidade invernal da rede viaria autonómica da provincia de Ourense nos vindeiros 4 anos

Gabriel Alén visitou esta mañá o Centro de Conservación de Estradas da Xunta en Ourense

  • O delegado territorial salientou que o obxectivo da Administración galega é garantir a seguridade nos máis 1.000 quilómetros das 108 estradas autonómicas da provincia de Ourense
  • Gabriel Alén subliñou que o orzamento aumenta 13,45 % en relación co actual contrato, o que supón un incremento medio de máis de 0,7 millóns de euros por anualidade

O delegado territorial das Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará 24,4 millóns de euros ao contrato que garantirá a conservación ordinaria e a vialidade invernal da rede viaria autonómica en Ourense durante os vindeiros 4 anos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o sinalou esta mañá Gabriel Alén na visita ao Centro de Conservación de Estradas da Xunta en Ourense, onde subliñou que o orzamento conxunto aumenta un 13,45% en relación co actual contrato, o que supón un incremento medio de máis de 0,7 millóns de euros por anualidade.

“Este contrato, que acaba de saír á licitación, enmárcanse na aposta da Xunta de garantir a seguridade nos 1.034 quilómetros das 108 estradas que conforman a rede autonómica na provincia de Ourense”, destacou o delegado, ao tempo que se favorece o mantemento do emprego coa promoción de obra pública. Nese sentido, puntualizou que o contrato permitirá subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, coa fin de preservar a estabilidade dos postos de traballo e conservar a antigüidade dos empregados.

Gabriel Alén explicou que o programa de conservación ordinaria permite a vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco deste plan execútanse obras de mellora do firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade. Tamén outras actuacións como a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe ou o repintado das estradas.

Ademais, -detallou o delegado territorial- inclúen os traballos de roza que se realizan periodicamente para controlar a vexetación e garantir unha boa visibilidade nas vías de comunicación. Estes contratos incrementan nun 33% as limpezas e rozas manuais ou mecánicas para o control da vexetación nas marxes das estradas, fronte a outros métodos como os herbicidas, o que supón un incremento das partidas que se reflicte no importe de licitación.

O contrato tamén blinda a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Paralelamente desprégase o programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa entre novembro e abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación deste contrato, xunto con outros seis para o resto de provincias galegas. As empresas terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio.