Volven as reunións presenciais na Deputación, rematado o estado de alarma

Videoconferencia da Xunda de Goberno da Deputación Ourense. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Cesar Fernández Gil (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Juan Marquina e Adamantino Barreiro García (Secretario e ViceSecretario da Deputación Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, informou, trala reunión hoxe do Comité de seguimento do COVID-19, que, rematado o estado de alarma, volven as sesións presenciais dos órganos colexiados: xunta de portavoces, comisións informativas e pleno. Neste sentido, o presidente determinou solicitar os correspondentes informes ao gabinete de Prevención de Riscos Laborais e do Negociado de Saúde Laboral da Deputación para certificar a adopción de tales medidas. Ademais, o comité de seguimento do COVID-19 pasará a celebrar a partir de agora as súas reunións con periodicidade quincenal, en lugar de semanal, como viña sendo ata o momento. 

Previamente, tamén hoxe, tivo lugar a reunión telemática da Xunta de Goberno, presidida por Manuel Baltar, na que se aprobaron axudas por un importe superior aos 176.000 euros, destinadas á cooperación con concellos e ás entidades veciñais de Ourense. Así, resolveuse o concurso público de subvencións para gastos de funcionamento en 2021 das federacións ou agrupacións veciñais de Ourense, outorgando unha achega de 25.000 euros á Agrupación de Asociacións Veciñais Miño, e unha axuda de 5.000 euros á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense. 

AVANTAR ACTIVIDADES

No ámbito da cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 35.000 euros ao Concello de Cartelle destinada á extensión da rede de baixa tensión para o subministro de electricidade ao campo de fútbol de Outomuro, así como tamén outra axuda por importe de 34.890 euros ao Concello da Merca para o arranxo da estación de tratamento de auga potable no núcleo de Rubillós. 

O Concello de Punxín recibirá tamén unha subvención, desta volta por valor de 56.446 euros, para cofinanciar o programa IDAE 2020 de mellora da eficiencia enerxética no alumeado público de once núcleos de poboación, mentres que a mancomunidade Terras de Celanova percibirá 20.000 euros en concepto de axuda para gastos de funcionamento no presente ano.