Espazo Común pide explicacións pola parálise nas obras da OU-154 en O Reino

A mediados do mes de outubro de 2019 publicaban os medios de comunicación que a Xunta de Galicia ía arranxar un tramo da estrada OU-154 ó seu paso polo lugar do Reino co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da mesma. O proxecto contemplaba novas beirarrúas, luminaria e sinalización e a reposición dos servizos existentes. O investimento previsto era de 160 mil euros e tamén se podía ler que os traballos comezarían no primeiro trimestre do ano 2020, sendo o seu prazo de execución de 3 meses.

Dous meses despois, a mediados de decembro, Espazo Común recorda que a obra viña de ser adxudicada e que a actuación contemplaría a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade. Tamén se prevía a rehabilitación do firme así coma a substitución das redes de servizo aéreas de alumeado e de teléfono por unha canalización subterránea. Pouco despois colocouse o cartel da obra e a empresa adxudicataria empezou a demoler as beirarrúas existentes. As obras quedaron paralizadas e a formación asegura que dende o Concello de Piñor non se lles ofreceu explicación algunha polos motivos desa paralización.

AVANTAR ACTIVIDADES

Afirman que de xeito constante reciben as queixas dos veciños pola situación da estrada, despois de máis dunha ano coas obras paralizadas, vendo como medra a maleza no que antes eran beirarrúas, vendo como unha obra que prevía mellorar a seguridade viaria o único que fixo foi incrementala.

Dende o Grupo Municipal de Espazo Común pediranlle ó alcalde no vindeiro pleno que dea explicacións por esta situación e que dea conta das actuacións que  levou a cabo para exixirlle á Xunta o remate desta situación de inseguridade viaria.