Na comisión de Interior e a proposta dos deputados ourensáns
Na defensa da proposición non de lei, Ana Vázquez cualificou esta petición como “unha xusta reivindicación para incrementar a prevención da delincuencia e a seguridade nunha provincia rural, cunha gran dispersión da poboación, de idade moi avanzada, a de maior número de quilómetros de fronteira con Portugal e moi castigada todos os anos polos incendios”.
· O grupo socialista votou en contra da proposta, “o que demostra unha absoluta indiferenza e abandono dos intereses ourensáns, poñéndose de perfil cada vez que traemos unha xusta reivindicación para Ourense, como onte mesmo coa proposta de creación dunha estación de ferrocarril para mercadorías en San Cibrao e na que o PSOE se abstivo”, criticou Vázquez
A Comisión de Interior do Congreso aprobou hoxe unha proposición non de lei presentada polos deputados ourensáns Ana Vázquez e Celso Delgado, na que reclaman ao Goberno a creación na Comandancia da Garda Civil de Ourense dunha unidade de seguridade cidadá. “Unha xusta reivindicación para incrementar a prevención da delincuencia e a seguridade nunha provincia rural, cunha gran dispersión da poboación, de idade moi avanzada, a de maior número de quilómetros de fronteira con Portugal e moi castigada todos os anos polos incendios”, destacou Ana Vázquez na defensa desta iniciativa, á que o PSOE votou en contra.
Concibidas para prestar apoio ás compañías de todo un territorio, as únicas dúas provincias de España que carecen de unidades de seguridade cidadá son Ourense e Lugo, destacou Vázquez, que puxo en valor o traballo das Usecic durante a pandemia tanto en labores de atención cidadá como nos controis de mobilidade durante o estado de alarma.
Na súa intervención, a deputada detallou como tres meses despois da moción de censura ao goberno do PP en 2018, “o executivo de Sánchez respondeu a unha iniciativa do PP afirmando que esta unidade estaba en fase de estudo para a súa próxima creación, pero xa en 2019 mudou de postura e deixou a Ourense fora dos seus plans, aprobando a posta en marcha das Usecic en Valladolid, Salamanca e Zamora”.
Non só iso, engadiu, senón que con posterioridade “reformouse o catálogo de prazas en Ourense, onde prestan servizo 100 gardas civís menos dos 890 previstos, e mentres se convocaban máis prazas a Ourense se lle retiraban nove axentes que foron destinados a outras provincias, un número que para vostedes pode ser pouco significativo, pero que para nós é importante polas particulares características do noso territorio e polo seu labor, onde dos 7.542 expedientes penais abertos o pasado ano, o 51 % corresponderon á Garda Civil”.
As USECIC teñen como misión protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns mediante a prevención e primeira investigación de delictos, así como o auxilio e atención aos requirimentos da poboación as 24 horas do día, durante todos os días do ano. Tamén exercen tarefas de apoio ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) na prevención de incendios forestais, traballo de especial relevancia na provincia de Ourense que, con esta nova unidade, vería reforzada a vixiancia dos montes ourensáns.
Outro dos aspectos que apoian a importancia destes equipos refírese ao carácter transfronteirizo da provincia, ao ser o territorio que ten máis quilómetros de fronteira con Portugal, máis de 200, reforzando así aquelas zonas limítrofes co país veciño nas que hai cuarteis, pero cun número escaso de axentes da Garda Civil.
“INDIFERENZA E ABANDONO DOS INTERESES OURENSÁNS” POR PARTE DO PSOE.
A proposición non de lei do grupo parlamentario popular contou con 15 votos a favor (PP, Ciudadanos e Vox), 5 abstencións (Unidas Podemos e Bildu) e os únicos votos en contra dos 13 deputados do PSOE que forman parte da Comisión de Interior. Unha postura duramente criticada por Ana Vázquez, que acusou aos socialistas de “poñerse de perfil cada vez que traemos unha xusta reivindicación para Ourense, como onte mesmo coa proposta de creación dunha estación de ferrocarril para mercadorías en San Cibrao e na que o PSOE se abstivo”. “O único que están demostrando -denunciou- é unha absoluta indiferenza e abandono dos intereses ourensáns”.