A Xunta reformará o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá con 244.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alen, visitou o centro, acompañado polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, e polo equipo directivo para presentar o proxecto, adaptado ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros.

Gabriel Alén explicou que a actuación ten por obxecto a substitución das cubertas dos tres edificios que constitúen o CEIP Virxe do Camiño, substitución das ventás, eliminar humidades, reposición de pavimentos, reparación e pintado das fachadas exteriores e a creación dun acceso exterior no terceiro edificio, que permita facelo máis accesible.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.