Comunicado do BNG de Castrelo de Miño sobre paralización de inversións

O ilexítimo alcalde de Castrelo de Miño manifesta publicamente a súa incapacidade para redactar o orzamento municipal, e anuncia unha paralización das inversións en Castrelo de Miño

Para xustificar  a súa inutilidade,  publica  unha  nota de prensa  repleta  de fake  news

AVANTAR ACTIVIDADES

sobre a situación económica do concello.

Respecto  ao  que  di  sobre  a  débeda  municipal,  só  hai  dúas  posibilidades:  ou  é  un ignorante  que  descoñece  completamente  o  funcionamento  e  a  xestión  económica dunha  administración  pública,  ou  deliberadamente   dedícase  a difundir  fake  news, noticias falsas que se deseñan  e emiten coa intención  deliberada  de enganar, inducir a erro e manipular.

Gobernar  consiste  en  algo  máis  que  rozar,  repartir  carretillos  de  cemento  e  ir choromicar  ás portas da Deputación  coma un pedichón  que só sabe vivir da caridade de Baltar.

O BNG infórmalle ao ilexítimo alcalde, que gobernar é redactar proxectos serios, presentalos a todas as administracións (Deputación, Xunta, Estado, Unión Europea) e conseguir, sen perder a dignidade nin deberlle favores a ninguén, subvencións para realizar investimentos  como fixo o BNG durante estes trece anos.

Presentou unha moción de censura anunciando a transformación  de Castrelo, e o único que fai é pechar servizos  e recortar inversións.

Castrelo de Miño, 20 de maio de 2021

Nunha nota de prensa chea de falsidades e na que Avelino Pazos demostra a súa ignorancia da xestión municipal, afirma que non vai incluír unha partida de inversións no vindeiro orzamento. Sería a primeira vez despois dos 13 anos de goberno nacionalista, que destacou polas elevadas partidas anuais de inversións continuadas, que isto aconteza. Chegou o PP ao goberno de Castrelo e paralizan o concello. Agora anuncia que non vai haber inversións, e nestes meses de desgoberno eliminoulle os seguintes servizos aos veciños e veciñas de Castrelo de Miño: Castrelobus, actividades extraescolares, aula de novas tecnoloxías, horas de axuda de fogar, servizo de madrugadores, obradoiro de teatro, ximnasia de mantemento a persoas maiores…

As  fake  news  da  débeda  municipal:  Busca  unha  xustificación  á  súa incompetencia.

O concello de Castrelo cando o ilexítimo chegou á alcaldía co apoio dos tránsfugas contaba cunha débeda a curto prazo de 0 euros, e cun remanente de tesouraría positivo. O concello de Castrelo de Miño tiña máis de 70 mil euros de liquidez, e partidas que lle permitiron a Avelino Pazos nada máis tomar a alcaldía ilexitimamente, e con fondos propios, mercar terreos para o concello, e licitar obras, desbroces e chapuzas varias. Se a situación fora tan mala, non podería facer iso! Malgastou a todo correr os fondos propios e a liquidez coa que contaba no Concello e agora non sabe onde conseguir máis recursos.

A verdadeira  situación económica  do concello de Castrelo de Miño

Na liquidación do orzamento do ano 2019 realizada en data 30/03/2020 no informe de secretaría intervención indicábase: “Os resultados das magnitudes orzamentarias que se poñen de manifesto coa liquidación   do   exercicio   amosan   unha   evolución   positiva   da   situación   económica,   financeira   e orzamentaria do Concello de Castrelo de Miño en liña cos exercicios anteriores.”

Débeda a longo prazo, ¿de que se sorprende?

O único préstamo a longo prazo que ten o noso concello, formalizouse sendo Avelino Pazos concelleiro da oposición. Dende o Goberno de España, habilitáronse para todos os concellos 3 plans de pago a provedores, e o concello de Castrelo de Miño tan só se acolleu ao primeiro plan por un importe de 300 mil euros. Deste plan, o BNG tiña todos os pagos ao día, non hai pendente de pago: nin intereses, nin a parte do capital amortizada. O señor Pazos, era sabedor de sobra de que neste ano, se comezaría a amortizar capital, dado que ata o de agora estábamos en período de carencia fixado polo Ministerio. Pero esta situación é así, para Castrelo de Miño, e para o resto de todos os concellos do Estado, moitos dos cales se acolleron non só ao primeiro plan de axuste como Castrelo, senón incluso a tres consecutivos.

Castrelo de Miño, concello 100%  LED. Aforro enerxético  grazas a un adianto do Goberno de España.

O resto que o ilexítimo suma como débeda, non é tal, senón que é un adianto entre administracións. Como sabe toda a veciñanza, Castrelo de Miño é un concello con toda a iluminación pública 100% LED!

Isto, conseguiuno o goberno municipal do BNG mediante un convenio co IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía de España do Ministerio para la Transición Ecológica).  O Goberno de España grazas a unha gran xestión do goberno nacionalista de Castrelo, adiantou ao concello o custe total da inversión. Anteriormente en Castrelo de Miño, pagábamos arredor de 120 mil euros ao ano de consumo eléctrico, aforrando nestes intres o 80% desa contía. Este aforro, dá de sobra para a devolución ao IDAE (xa se pagaron máis de 100 mil euros nestes últimos anos), e a maiores aínda queda liquidez no concello para inversións na veciñanza. E por suposto unha iluminación renovada en todos os núcleos de Castrelo.

Polo tanto, a contía do IDAE, non é débeda, é un adianto que fixo o goberno de España ao concello de Castrelo de Miño, e que o noso concello vai devolvendo anualmente co aforro xerado coa redución de consumo eléctrico. Non é unha débeda, é unha fonte de aforro.

Gobernar é ter dignidade. Consiste en algo máis que ir choromicar ás portas da Deputación coma un pedichón  que só sabe vivir da caridade de Baltar

Este goberno frankenstein que padecemos, demostra non coñecer o funcionamento dun concello, onde polo gasto corrente, non deixan de entrar facturas, e os préstamos a longo prazo, non os hai que amortizar na mesma anualidade, como se foran contas de crédito. A maiores, o ilexítimo alcalde di non saber que se fixo en Castrelo de Miño nos últimos 13 anos, onde con unha media de 1,5 millóns de euros de orzamentos en 13 anos, son case 20 millóns de euros invertidos en Castrelo de Miño polos gobernos nacionalistas. E só un pequeno exemplo serían: Residencia para os maiores, duas casas para o maior, unha escola infantil, biblioteca, aula de novas tecnoloxías, oficina de turismo, nova casa do concello, novos centros sociais en Macendo, Noallo, Barral.. e un longo etcétera que non imos enumerar porque á simple vista de todos os veciños está.

Só alguén como el pode afirmar que descoñece todo isto. Será porque o actual alcalde Avelino Pazos non vive no noso concello, vive en Toén, e é un alcalde paracaidista que descoñece a realidade municipal dos veciños de Castrelo de Miño!

O Sr. Pazos, aparte de ilexítimo, é un alcalde incapaz de xestionar un concello sen ir chorar á deputación. Hai máis administracións que o ente provincial. “Deixe de vender fume e contarlle mentiras aos veciños. Vostede pensaba que o concello era unha empresa privada e ía facer o que lle dera a gana, pero a realidade non é así. Se se considera incapaz de xestionar un concello que asaltou mercando vontades de dous tránsfugas, váiase ao amparo de papá Baltar, e deixe gobernar á forza máis votada que é o BNG!”, manifestou Esteban Suárez, o lexítimo alcalde de Castrelo de Miño.