- O delegado territorial referiuse a Xantar como unha fiestra aberta ao mundo na quedurante cinco días poñemos nosa hospitalidade xacobea ao servizo dos participantes e convidados
- Gabriel Alén sinalou que conscientes do noso potencial, desde a Xunta de Galicia estamos traballando en fortalecer este campo ao que consideramos un alicerce importante na nosa economía pola súa capacidade para atraer poboación e polo o seu efecto desestacionalizador
- O delegado territorial sinalou que nesta terra cómese de verdade e o noso ADN indícanos que ofrecer peixes, mariscos, carnes, as mellores hortalizas, viño, aceite e vinagre aos nosos invitados e turistas é sinal de propoñer e entregar o mellor de nós mesmos
“Identidade e gastronomía van da man; unha é expresión da outra e ambas se reforzan mutuamente. A gastronomía é un elemento intrínseco á nosa cultura, ás nosas celebracións e ao noso modo de ser; unha calidade que é sinónimo de hospitalidade, tolerancia e solidariedade”. Con estas palabras principiou a súa intervención, Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense na presentación esta mañá en FITUR da feira gastronómica de Xantar que se desenvolverá en Ourense do 3 ao 7 de novembro.
Segundo o delegado territorial “Xantar é unha fiestra aberta ao mundo na que durante cinco días poñemos nosa hospitalidade xacobea ao servizo dos participantes e convidados. Así, convértese nunha das principais citas para potenciar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel e, por extensión, como emprazamento turístico”.
Gabriel Alén sinalou que conscientes do noso potencial, desde a Xunta de Galicia estamos traballando en fortalecer este campo ao que consideramos un alicerce importante na nosa economía pola súa capacidade para atraer poboación e polo o seu efecto desestacionalizador. E subliñou que “esforzámonos, polo tanto, para mellorar a cadea de valor da gastronomía galega, e nesta vixésimo segunda edición, estou seguro de que Xantar volverase erixir como unha cita fundamental para conseguir ese obxectivo. Aquí verase reflectido o traballo estratéxico, conxunto e esixente deste sector”.
A comida é unha parte importante da cultura; segundo o delegado territorial, “implica unión co pasado, forma parte da identidade e reflicte a vida das persoas. Mulleres e homes que saben que os mellores alimentos son os que resultan da meticulosidade do seu coidado, o esmero do seu custodia, a bondade da terra e do auga que lles dan sustento, a paciencia na espera e a graza dos elementos”.
Por iso, presumiu Gabriel Alén de que “podemos facer ostentación dunha ampla despensa e cumprir coa nosa tradición de ofrecer os mellores manxares a aqueles que visitan a nosa casa”. “Nesta terra cómese de verdade –continuou- e o noso ADN indícanos que ofrecer peixes, mariscos, carnes, as mellores hortalizas, viño, aceite e vinagre aos nosos invitados e turistas é sinal de propoñer e entregar o mellor de nós mesmos”.
O delegado territorial rematou convidando a todos, “Así é Galicia, así é Ourense e así é a nosa gastronomía; e hoxe, nese contexto de mantel e mesa en Xantar agardo a súa presenza”.