O coidado da pel centra mañá o ciclo de Quirónsalud e Afundación «A saúde tamén está nas túas mans»

María Jesús Suárez Valladares, especialista en Dermatoloxía do Hospital Quirónsalud A Coruña falará en directo ás 12.00 h en Afundación TV

I A iniciativa está dirixida especialmente ás persoas maiores e abordará diversas temáticas de notable repercusión na poboación

AVANTAR ACTIVIDADES

Afundación TV emitirá mañá ás 12.00 h a quinta e derradeira das charlas, ««Como coidar a pel en tempos de pandemia», enmarcadas no programa «A saúde tamén está nas túas mans», froito da colaboración do Hospital Quirónsalud A Coruña e Afundación, no que se abordan distintos contidos relacionados coa promoción da saúde, os autocoidados ou o envellecemento saudable, entre outros, con especial atención á situación actual provocada pola pandemia. Nesta ocasión o ciclo abordará o coidado da pel da man de María Jesús Suárez Valladares, especialista en Dermatoloxía do hospital Quirónsalud A Coruña. A charla, de acceso libre e gratuíto, pódese ver en directo en Afundación TV. Así mesmo, unha vez finalice a conferencia, os espectadores poden formular preguntas a través dun chat habilitado para tal fin.

O obxectivo deste programa é tratar temas sanitarios de actualidade, así como, fomentar unha maior comprensión acerca de diferentes enfermidades, signos de alerta, coidados e tratamentos daquelas persoas que a padecen. Nel participan diferentes especialistas médicos do Hospital Quirónsalud A Coruña que abordan temas de notable repercusión na saúde da poboación como a vacinación COVID, as revisións médicas periódicas, a hipertensión arterial, o soño ou o coidado da pel, sempre tratado por especialistas de recoñecido prestixio e experiencia nos distintos ámbitos.