O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Por Felipe-Senén

“Estos días azules y  este sol de la infancia”  apunte cheo de suxestións poéticas, que o exiliado da España da guerra, Antonio Machado, deixou nun papeliño perdido no  peto da raída chaqueta do seu último día. Idea quizais pra desenvolvela nun poema. Sirva pois o verso solto como introdución a lembranzas que floreamos abaixo.  Aconteceres baixo azuis e soleados ceos, a caer sobre o atoutiñar nun camiño que se fai ao andar, entre pedras  e nas  que  radicamos, como plantas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Moitos nacemos en anos de imposicións, onde cada día do almanaque estaba dedicado a un santo patrón de cada tribo e tiña o seu rito. Días e horas que seguen o seu ritmo de amenceres e anoiteceres, quizais con ceo azul ou sombras, con sol  ou chuviñoso, con paxaros a rechouchiar ou sons do vento. Tempo e Terra  arredor da que recollemos e  pegamos as  lembranzas rotas do que somos.

Maio do florecer das plantas  baixo o azul e  o sol,  mes celebrado no mundo antigo, en relación coa deusa da fertilidade,  Maia, a da  cornucopia a rebordar, o do Xúpiter Maius, Maximus . Tempo cargado de simbolismos que a cristiandade soubo aproveitar pra dedicalo á Cruz e á súa outra  Bona Dea, a Virxe, o anverso e o reverso dos cruceiros, oración labrada en pedra  que en Galiza dende as encrucilladadas erguemos ao Ceo.

Galiza e o Norte de Portugal son gardadores e transmisores  dun gran tesouro inmaterial que ven do máis remoto pasado e que  tamén corre riscos de aculturación. Referímonos ás súas tradicións, algo que ben reclama como Patrimonio da Humanidade o colectivo en irmandade de Salvaterra do Miño-Monçao “Pontenasondas”. Saberes artesanais, ritos, mitos tradicións, festas, moitas delas de carácter agrario, en relación coa vida e a morte , cos Catro Elementos, cristianizadas como o Nadal, a Candeloria, o Entroido,  o San Xoán, os Magostos…e eses Maios, onde os nenos e os mozos imitan e se visten de natureza e entre cantigas retrouseiras e retranqueiras sacan en procesión ídolos de flores. Pois  as flores serán froitos e estes terán sementes de nova vida.. Filgueira Valverde e a súa Pontevedra  encargáronse de avivar este antigo recurso.

No Carballiño, máis vila de feira, de negociantes que agraria,  non se coidou moito a celebración dos maios…Si acaso polo barrio de flores abaixo, algún neno choutaba recuberto de fentos e xestas floridas,  vestido de árbore e quizais alguén puxera o seu balcón ou sobre a limeira da porta un ramallo de flores. iso si, o máis celebrado era o Entroido e as figueiras dos Magostos.

Felipe Senén – Colexio Isabel la Católica (1963)

Sabíase ben nas Terras do Carballiño que cada día tres de Maio se celebra en San Clodio de Leiro, no amieiral á beira do Avia e a carón da pintoresca ponte das poldras, a romaría da Santa Cruz.  Noutrora as empresas de autobuses do Carballiño non daban feito a carrexar familias dende o cruce de Ribadavia á Ponte da Esperela en Leiro, cargados de cestas coa empanada e o xantar. E non podía ser pra menos esta festa tan franciscano en terra de franciscanos, a que fai da árbore pagán Cruz de Redención, antiga advocación  moi celebrada no lugar de nación de Samuel Eijan, o franciscano historiador da súa orde.  Aos esmolantes frades interesábanlle as concentracións de xente, as feiras, onde desenvolver a súa misión, rivalizando aquí beneditinos, franciscanos e a poderosa Encomenda de San Xoán.  E non esquezamos que a parroquial do Carballiño garda  dende o 1901 e a un tempo que se estreaba parroquia e parroquial (Igrexa Vella)  un lignum crucis regalo do franciscano trotamundos Pedro Fernández. Reliquia que seica colgou como pectoral o Papa Pio IX, a que regalou ao patriarca de Venecia,  Ludovico Piave, pra finamente caer nas mans deste  noso franciscano. Relicario ao que logo se suma un segundo, regalo da Marquesa de Atalaya Bermeja, Angelita Varela. Ambos con relicario moi similar, feito en madeiras de oliveira e ciprés de terra Santa, con incrustacións de nácara,  coidada artesanía promovida polos franciscanos nas Terras de Cristo e das que no Museo de Terra Santa, formado tamén polo padre Legísima, egrexio franciscano das terras de Piñor de Cea, Lousado, pra axudar á  formación dos misioneiros por remotas  terras. Relicario que foi o inspirador argumento  para ao  arquitecto Antonio Palacios e darlle  ao templo da Veracruz o seu simbolismo, un homenaxe á cruz: a torre como un gran cruz que se ergue na encrucillada, no interior as arquitecturas, os arcos conducen ao altar-relicario, a Cruz, onde se concentra a luz e a destreza arquitectónica. Relicario que se da a bicar nas misas deste día.

Soleado mes das flores,  de excursións e romarías

Primaverais días que nos  anos do nacionalcatolicismo parecían perpetuar o  precepto coresmal. Mes de arrecendo a cinamomo e clavellina,  de procesións a primeira hora da alborada, de longos rosarios da aurora con cánticos de avemarias e amonestacións  “el demonio a la oreja te está diciendooooooo, deja misa y rosario, sigue durmiendooooo…” . Novenas arredor desa imaxe da inmaculada  entronizada para a ocasión en lugar especial na vella parroquial. Imaxe que creín feita por Asorey, pois nos arquivos do escultor cambadés con taller en Compostela, consta en apunte pouco preciso que un párroco do Carballiño lle encarga unha Inmaculada, cunha  advertencia  “que non se lle coloree moito a cara”…. Pescuda aínda pendente por clarificar. En Maio nos colexios o rezo do rosario era diario e obrigatorio a última hora das tardes  e sobre a mesa do profesor non faltaba a imaxe da Inmaculada e a vara dos castigos.

Mes no que os catequistas preparaban aos nenos para desfiles para representacións a modo de autos sacramentais: o neno da Jesusa  “a Portuguesa”, por ser gordiño escollérono pra facer de Papa Juan XXIII e envexámolo, a min puxéronme de bispo representando a Orde Sacerdotal e quedoume por un tempo o alcume do “obispiño”:  vestíronme coa alba e unha casula vella de don Evaristo, o báculo da imaxe do San Benito e unha mitra que argallou meu pai e que aínda conservo… debaixo das apuntilladas albas recortadas co cíngulo, ao non haber sotana negra do tamaño do neno, puxéronme unha saia tubo da  miña tía Minda, a que non me permitía dar zancadas pra subir ao palco instalado da Praza Maior. Así que fun erguido  polo Pepiño do Labrador como quen ergue un santiño de pau. Fito que provocou unha marea de gargalladas. Recomposto, unha voz en off  subliñou  o noso traballo didáctico, todo o que rematou para aquel “obispiño”  nos primeiros aplausos recibidos en público.

 Catequeses que culminaban cunha excursión, con misa ao principio e novena  o final. O Lugar máis extra a visitar era o Monte de Santa Tegra, seguida doutras  visitas que aínda  me fan cavilar, como  ao que hoxe son  tristeiras ruínas do vello colexio xesuítico de Camposancos. Sitio mentado e eloxiado por don Evaristo, agora entendo por qué l:  por alí pasou  o beato padre Francisco Garate, moi nas devocións do párroco carballiñés, alí iideouse a Universidade de Deusto, a de Comillas… para logo trasladarse o colexio  a Vigo, a onde se encamiñaron  algúns mozos carballiñeses . Escorial aquel de Camposancos  que na guerra civil serviu de checa de moi triste memoria….  Día de excursión no que  ademais visitamos a Virxe da Roca, deixabamos de man o Templo votivo do Mar en Panxón…. e o Porriño e así, a modo de oración, comezabamos a coñecer  o nome e a obra do arquitecto das pedras, dos artesáns, dos estilos e das artes de Galiza, Antonio Palacios . Non perdemos o tempo.

 Caravana de autocares presido polo autobús extraplanetario do Guisante, reservado para toda a xerarquía parroquial,  e o resto nos autocares das festas feiras e romarías pra chegar de regreso  puntualmente, ás doce da noite,  e ser recibida a expedición na praza maior como heroes viaxeiros, con todas as bendicións e accións de gracias,  aplausos, foguetes incluídos. A emoción estaba servida.

Anos aqueles  de competencia  parroquial en devoción mariana, onde se entronizan e coroan vellas imaxes da Virxe . Pola Santa Cruz do Maio do ano 1956 na “Cruzada Misional do Rosario” baixo o lema “familia que reza unida permance unida”  o Carballiño  foi seleccionado pra recibir a visita do sacerdote  irlandés-americano Patrick Peyton, o padre Peyton. Catequizados de antemán  sabiamos  algo da súa vida, obra e milagros, curado dunha enfermidade grave. Misioneiro  esperado como se dun santo vivo se tratase. Lembro a procesión dende estrada de Ourense, a Acción Católica con todos as súas bandeirolas, ringleiras de catequistas e rapaces e  o gran arco floral  construído días antes  pra recibilo, acompañado do delegado papal, bispo e xerifaltes.

Sobre a Praza maior caía  un sol de xustiza,  horas de espera, sen auga que beber, sen ter onde ir facer as necesidades…. Por fin chegou o padre Peyton, alto, rubio, celta, entre sotanas, uniformes e enchaquetados, tellas, tricornios, bonetes, sombreiros, boinas, velos e mantillas… E todos cantando afervoadamente un “Dios te salve, salve María…..” Discurso do Padre Peyton  acorado, entre suores,  arrastrando as rrrrrrr e as sssssss…. Interrompido por afervoados aplausos que tampouco deixaban escoitalo. Á predica daquel misioneiro de sona, con aquel exótico acento estranxeiro apenas se lle entendeu a mensaxe que xa sabiamos de antemán. Pois naquilo das aparicións , os tres pastorciños e  a  mensaxe de Fátima estabamos tan instruídos como atemorizados. Virxe e imaxe e Fátima ben celebrada  e difundida por  monseñor  Xosé Álvarez González (1915-1990),  crego humanista, natural do Piñeiro de Maside, bo amigo do Carballiño, onde deixou a irma Amelia, casada con Manolo Sánchez, ben prezada familia , o  que nada máis chegar á parroquia ourensán  do Couto no 1949 animou a construción o s  templo de Fátima, encargo ao arquitecto  Manuel Conde Fidalgo e artistas de sona como, Failde, Padrós… templo  que avivou a devoción a Fátima na  provincia..

Procesión mes de Maio (Debuxo Felipe -Senén)

Mes de Maio no que no 1963 a Academia Galega institúe o Día das Letras Galegas, o primeiro dedicado a Rosalía de Castro…pregoado con aqueles carteis, tan atractivos, coloristas e galegos, algún feito por Virxilio  Ollábaos expostos no garaxe do Auto Industrial, nas vidreiras das “Colonias de Antonio Soto”, ferraxería, bazar, papelería e librería…onde non faltaban as últimas novidades editadas por “Galaxia” e colocados con primor por Lucinda Soto… Cando se pechou aquela libraría, por ser veciño recollín o cartafol coas facturas dos libros en galego.

O Carballiño era un maio floreado de esperanzas e así queda na lembranza e nos soños.

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño