Máis de 100.000 galegos descargaron o bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, Francisco Conde, destacou en Vigo este mediodía nun webinario organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a grande aceptación que están a ter iniciativas de apoio ao negocio local como o Bono Activa Comercio, xa que son máis de 100.000 os usuarios que descargaron estes descontos por valor de 30 euros.

En relación aos comercios adheridos a este programa, que conta cun orzamento de 10M€ e pretende mobilizar 55 millóns, preto de 5000 establecementos quixeron sumarse a esta iniciativa aínda que, tal e como apuntou o conselleiro, esta cifra pode que aumente debido a que o prazo para apuntarse remata o próximo 31 de maio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante a súa intervención, Francisco Conde indicou que estas cifras son un síntoma de que os galegos e galegas elixen ao comercio de proximidade porque buscan “confianza, calidade e un trato personalizado” e por iso salientou a importancia de dotar das ferramentas necesarias a todas aquelas marcas con selo local. Así, manifestou que unha das prioridades do Goberno galego nestes momentos é a de acompañar o sector do comercio para apoiar a súa transformación dixital e, por ende, a súa competitividade. Por iso, a Xunta de Galicia, xunto á Federación Galega de Comercio e ao Grupo Femxa, organiza un ciclo de 12 talleres enfocados a potenciar a fidelización do consumidor, poñendo o foco na venda online, a comunicación en redes sociais, a dixitalización das finanzas ou o marketing online.

“O comercio de proximidade ten a necesidade de dar o salto dixital para chegar a un maior número de clientes, porque non cabe dúbida de que ao longo destes últimos meses cambiaron os nosos hábitos de compra”, indicou o vicepresidente económico, que tamén encomiuo a capacidade de reacción que está a ter o sector na comunidade desde a chegada da pandemia. Identificar novos nichos de mercado e chegar a máis clientes; incrementar o grao de personalización dos produtos e servizos; coñecer mellor os gustos e as necesidades dos consumidores; e mellorar a experiencia do cliente e a imaxe de marca son algunhas das vantaxes que destacou Conde en relación á importancia de que calquera negocio teña unha canle de venda a través de internet e un perfil propio nas redes sociais.