O Psdeg-Psoe reclama a Baltar “trato igualitario” para o comercio local das vilas de Ourense tras outorgar axudas a dedo soamente aos comerciantes da capital

Considera “imprescindible” que a Deputación “aprobe motu proprio” axudas se non quere “seguir evidenciando que é absolutamente incapaz de traballar activa e equitativamente pola veciñanza”

“Parécenos acaído que axuden aos comerciantes da capital, pero é inadmisible que o goberno provincial esqueza dunha forma tan bochornosa ao resto da provincia”, aseveran

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE reclama a Manuel Baltar un “trato igualitario” para o comercio local das vilas de Ourense, tras outorgar axudas a dedo soamente ao centro comercial aberto da capital. Os socialistas recordan que estas axudas non poden ser “arbitrarias e dadivosas”, porque un dos obxectivos básicos da Deputación é auxiliar, con criterios obxectivos, a institucións e veciñanza dos municipios de menos 20.000 habitantes, algo que “incumpren se soamente se conceden axudas á cidade”.

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) está a tramitar unha subvención nominativa para a “promoción comercial 2021-2020” soamente para o Centro Comercial Aberto de Ourense, un feito que, desde o PSdeG-PSOE, cualifican como “discriminatorio” co resto de asociacións ou entidades análogas. “Parécenos acaído que axuden aos comerciantes da capital ourensá, porque é o momento, pero é inadmisible que o goberno provincial esqueza dunha forma tan bochornosa ao resto da provincia”, aseveran.

“A Deputación non emprega o sentido común para por en marcha campañas promocionais do comercio local como referente de calidade e proximidade, e tampouco apoia equitativa e igualitariamente a todos os comerciantes”, insisten unha actitude que “debe mudar inmediatamente”. Desde o goberno de Baltar deberían ser “previsores” e incluír “partidas orzamentarias dabondo para este fin, pero tampouco o fan porque só traballan mediante o dedazo”, advirten.

“A pandemia está a provocar un preocupante carrusel de peches de negocios, en moitas localidades que sempre foron referente comercial ou gastronómico”, polo que o grupo provincial do PSdeG-PSOE considera “imprescindible e perentorio” que a Deputación “aprobe motu proprio” axudas se non quere “seguir evidenciando que é absolutamente incapaz de traballar activa e equitativamente pola veciñanza, deixando atrás o caciquismo”, conclúen.