Deputación de Ourense e Liceo reforzan a súa alianza a prol da cultura

Obras de mellora, proxectos e a axenda de programación do bienio 2021-2022, entre os temas que se trataron na reunión dos directivos do Liceo co presidente Baltar, quen define a esta entidade como “un faro de cultura do noso territorio, co que a Deputación mantén unha colaboración estratéxica” 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente, o tesoureiro e o xerente do Liceo, Xavier Casares, Manuel Martínez Rapela e José Luis Troitiña, respectivamente, xuntanza na que acordaron seguir reforzando a alianza a prol da cultura ourensá que veñen mantendo as dúas entidades. “Os ámbitos de cooperación centraranse en proseguir coa reforma da súa sede e en apoiar iniciativas que o Liceo desenvolva no bienio 2021-2022, tendo en conta o escenario de pandemia e o vindeiro de pospandemia, situacións que afectan e a afectarán ao ámbito da cultura ao igual que a todos os sectores da nosa sociedade”, afirma Manuel Baltar.  

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial define ao Liceo como “un faro da cultura no noso territorio” e compromete a colaboración por parte da Deputación de Ourense “para iniciativas conxuntas ou, como fixemos recentemente, coa presentación da rodaxe do filme Malencolía, de Alfonso Zarauza. Deputación e Liceo son aliados estratéxicos a prol da nosa cultura, tendo en conta que esta entidade social emblemática representa en gran medida os intereses culturais da cidade e da provincia”, expresa Manuel Baltar.