O PSOE de Punxín critica que non se melloren os servizos habendo 96.000 euros de superávit

As concelleiras do PSdeG-PSOE de Punxín critican o que consideran “un novo capítulo” da “pésima” xestión do grupo de goberno municipal formado polo Partido Popular e o concelleiro non adscrito. As socialistas denuncian que se está “prexudicando” enormemente á veciñanza e afirman que “namentres os veciños e veciñas de Punxín non dispoñen duns servizos básicos de calidade e dignos, a conta do ano 2020 desprende un superávit de 96.000 euros”.

Para a voceira socialista en Punxin, Lorena Peleteiro, “nun momento como o que vivimos no ano 2020, o superávit existente no noso Concello reflexa a falta de xestión e de interese do grupo de goberno municipal polo noso concello e as súas xentes”. A voceira do PSdeG-PSOE tamén sinala que “namentres hai veciños que tiveron que marchar de Punxín porque non se lle prestaba o servizo de axuda no fogar como tiñan recoñecido, o goberno garda 96.000 euros no peto”.

AVANTAR ACTIVIDADES

As concelleiras socialistas indican que este superávit “estaría ben para un Concello que o ten todo feito, pero no caso de Punxín, temos todo por facer”. Ademais, lembran que no ano 2019 se aprobou unha moción do grupo socialista para a reforma do centro de saúde, pero “nada se fixo e a día de hoxe segue a caer a anacos, namentres o grupo de goberno se empeña en non realizar investimentos”. Así mesmo, tamén lembran que “o grupo de goberno negouse a aprobar a proposta socialista de non cobrarlle impostos e taxas aos negocios de Punxín en 2020”.

Dende o Grupo Municipal Socialista, critican tamén a xestión do Concello que conta case co importe correspondente ao orzamento dun ano 430.000 euros pendentes de cobro.  E recordan, que o Concello de Punxín está pagando polo servizo de recadación á Deputación Provincial, que “unha vez máis amosa unha nefasta prestación nun servizo, sumada á total deixadez por parte do goberno municipal”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín esixen “reverter” esta situación e que toda a veciñanza “pague o que lle corresponde”, xa que tal e como subliñan “mentres uns se benefician de non pagar os impostos e taxas, outros pagan e non poden recibir os servizos que lle corresponden”.