Gabriel Alén ensalza Ourense coma destino turístico trala pandemia

“Unha terra onde a natureza é o leito vital das xentes do rural; soamente aquí, sobre este escenario de dedicación e compromiso coas cousas ben feitas e de calidade en todo o que realizamos e en todo o que propoñemos e ofrecemos, é posible atopar elementos sorprendentes, orixinais, fantásticos e marabillosos, onde non adoita haber copias nin repeticións”. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse ás calidades de Ourense como destino turístico de referencia nas novas tendencias de viaxes trala Covid 19.

Gabriel Alén, asistiu á presentación dun novo exemplar da revista ‘Coralia’, unha iniciativa empresarial que contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e forma parte do abano de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha  ao amparo do Plan de Reactivación ao comezo da pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que a maior parte das iniciativas apoiadas forma parte da modalidade destinada a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas, na que se impulsaron 148 proxectos. O eixe temático de dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e proxectos editoriais, literarios e expositivos impulsou a creación de 130 proxectos, dos que máis da metade desenvolvéronse de xeito presencial.

Coa finalidade de ampliar o concepto de destino turístico de Galicia no que se encadra este proxecto, -subliñou o delegado territorial- é necesario atopar novas fórmulas que se adaptasen á nova forma de ver o futuro, o xeito de relacionarse e a forma de consumir trala chegada da Covid-19.

Deste xeito, subliñou o representante do Goberno galego, aumenta e acelera a conciencia de activismo medioambiental e social a través do consumo. As marcas de futuro deberán construírse en torno a un propósito: converter a sostibilidade nunha vantaxe competitiva, e o benestar, a seguridade e a saúde son os tres eixes catalizadores que están guiando o consumo actual.

Ante esta situación, onde as tendencias marcan os camiños, -continuou o delegado territorial- “unha das tarefas á que Coralia sen dúbida contribúe é a de amosar unha terra sen complexos, nin vestimentas artificiais que sabe que pode ofrecer un destino singular e diferencial a quen desexe visitarnos”.

E concluíu, “unha terra onde a natureza, o patrimonio, a cultura, a hospitalidade a integración e a solidariedade non son conceptos illados, vans e artificiais”.