Inorde e Colegio de Economistas de Ourense queren incentivar o emprendemento no rural

 A xerente do Inorde, Emma González, reuniuse hoxe coa decana-presidenta do Colegio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo e coa tesoureira da xunta de dita entidade, Teresa Cuñarro, para avaliar posibles sinerxías de colaboración entre ambas institucións co obxectivo de incentivar o emprendemento no rural.

Durante a xuntanza, Emma González presentoulle a guía de agricultura e emprendemento, editada no marco do proxecto europeo de Cooperación Transfronteiriza, INTERREG V A, Comunidade Territorial de Cooperación CTC Limia-Lima-Cávado, do que o Inorde foi socio. O obxectivo de crear esta guía era ofrecer “unha ferramenta de traballo ás empresas e emprendedores que quixeran ampliar ou montar a súa empresa con base nos produtos que se recollen nesta guía: a castaña, os pequenos froitos, a pataca, as setas e o viño”, sinalou a xerente do Inorde.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta guía estrutúrase por produtos recollendo toda a información compartida polos relatores que participaron na mesa temática de agricultura e emprendemento, como parte das actividades incluídas no proxecto, e conta cun apartado de anexos nos que se detallan todos os requisitos que se deben cumprir e os pasos que hai que dar para establecer unha empresa ou para a ampliación e innovación das xa existentes.

Os obxectivos deste proxecto eran promover o desenvolvemento do territorio a través da cooperación transfronteiriza, dar continuidade á estrutura da CTC Lima-Limia-Cávado tras a súa longa experiencia de traballo en común para a implantación de actividades de apoio ao desenvolvemento económico e territorial do espazo transfronteirizo; e consolidar estratexias transfronteirizas de cooperación entre diversos actores que operan no territorio.

O proxecto CTC_Limia_Lima_Cávado foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) a través do programa Interreg V – A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020 e permitiu, entre outras accións, poñer a disposición da cidadanía esta guía que se pode descargar na web do Inorde a través do seguinte enlace: www.inorde.com/download/guia-practica-de-agricultura-e-emprendemento/