O BNG leva ó pleno de Ourense un gran pacto a prol dos Servizos Sociais

Na orde do día do pleno do Concello de Ourense a celebrar o vindeiro venres 04 de xuño, inclúese unha moción do Grupo Municipal do BNG na que os Servizos Sociais volven sen protagonistas.

En relación á situación dos Servizos Sociais do Concello e segundo a concelleira Rhut Reza, “a política cobra todo o seu sentido cando é útil á sociedade. Ser útil implica, entre outras cousas, pór os medios necesarios para reforzar os servizos públicos, para mellorar a protección social e para loitar contra a desigualdade”. Reza engade, “é aí onde as forzas políticas do concello temos o deber, nesta situación tan difícil e dramática para moitas e moitos, de acadar un pacto polos Servizos Sociais”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Un pacto no que teña un lugar predominante o benestar social como ferramenta para mellorar a vida das persoas, especialmente sobre a soidade, a desigualdade ou a vulnerabilidade.

Para o BNG, cómpre blindar os Servizos Sociais como ferramenta imprescindíbel para intervir en situacións de desigualdade ou pobreza, para detectar a marxinalidade e para garantir unha protección social adecuada a aqueles que a requiren para vivir con dignidade. “Unha vez máis está en xogo a cohesión social”.

Por todo o anterior, desde o BNG solicitarán o apoio do resto dos grupos para instar ao Goberno Local a impulsar e asinar un gran pacto polos Servizos Sociais no Concello de Ourense no que se adopten medidas concretas para mellorar os servizos e os recursos vinculados ao benestar social da veciñanza de Ourense no seu conxunto, prestando especial atención ás persoas máis vulnerábeis.