Gabriel Alén destaca o apoio da Xunta de Galicia ás bibliotecas públicas escolares de 37 centros do rural ourensán

  • O delegado territorial explicou que estas  axudas están destinadas á mellora dos fondos e á renovación do mobiliario e equipamento das bibliotecas dos centros escolares
  • O 73% dos beneficiarios son colexios de menos de 50 alumnos en concellos de menos de 5.000 habitantes

 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destaca o apoio da Xunta de Galicia ás bibliotecas escolares dos centros educativos do rural aos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 234.000€.

O delegado territorial explicou que esta actuación vai dirixida aos centros non integrados aínda no Plan de mellora de bibliotecas escolares, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes. O obxectivo é proporcionar un apoio específico ao desenvolvemento do ensino no ámbito rural, potenciando e reforzando o papel da biblioteca escolar como instrumento imprescindible de dinamización e elemento estratéxico para a innovación pedagóxica, que axuda a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre os beneficiarios, o 73% son centros de menos de 50 alumnos e outro 27% de entre 50 e 150. Por tipo de centro, 31 son Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), 4 son Institutos de Educación Secundaria (IES) un é  unha Escola de Educación Infantil (EEI), e outro é un Colexio Rural Agrupado (CRA).

Fondos e equipamento

Cada un dos centros recibirá unha achega de entre 1.900 e 2.400€, que poderá empregar para  mellora das coleccións, especialmente no que se refire aos materiais de non ficción ou de información (libros, monografías, atlas, dicionarios, materiais informativos en diverso soporte e formato, cun investimento do 50% como mínimo en materiais en galego).

Así mesmo, haberá unha partida específica para a renovación do mobiliario e dos equipamentos necesarios para un funcionamento actualizado da biblioteca escolar, que permita facer fronte aos retos educativos e ás actividades de información e de investigación, propias da biblioteca escolar. Os centros beneficiarios recibirán, así mesmo, pautas e orientacións para un correcto investimento das contías asignadas e a reactivación das súas bibliotecas

Apoio de 3M€

Esta actuación enmárcase no reforzo de 3M€ en materia de bibliotecas escolares que ten previsto o departamento educativo do Goberno galego para este ano 2021, con accións como o incremento do orzamento do curso 2021/22 no referido á dotación para adquisición de fondos neste plan, a renovación da colección de materiais inclusivos, a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación Primaria –ata agora só presente en Secundaria– e a promoción das iniciativas de lectura en galego.