Noa Díaz do grupo socialista urxe á Xunta a conservación patrimonial da torre de Sande: “está en serio perigo de derrubamento”

Noa Díaz insta á Xunta a implicarse nas xestións para que o ben pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa posta en valor

A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de urxir á Xunta a conservación patrimonial da Torre de Sande, no Concello de Cartelle. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Cultura, a través da presentación dunha batería de preguntas ao goberno galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A Torre de Sande está en perigo de derrubamento”, reivindicou a voceira socialista para instar á Xunta a que tome medidas urxentes para protexer este Ben de Interese Cultural que “é unha das maiores xoias arquitectónicas” da súa contorna.

Así, Díaz lamentou que o espazo quedase “totalmente abandonado” dende o século XIX, malia ser protexido en 1949 pola lei do patrimonio histórico español e ser declarado Ben de Interese Turístico Nacional. “Atópase en tan mal estado de conservación que mesmo corre perigo a estabilidade da súa estrutura e, non en van, atópase na lista vermella de Patrimonio”, alertou.

“Preocúpanos que non apareza ningún documento” relativo á adquisición deste ben coa fin de acreditar a súa titularidade, alertou a socialista, quen urxiu ás administracións a iniciar os trámites de colaboración para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa posta en valor. “As administracións non poden seguir escudándose na titularidade privada do ben para non actuar”, dixo.

Ao fío disto, a responsable socialista destacou que hai máis dunha década, o goberno autonómico decidiu actuar sobre o ben incluíndoo nun plan de actuación da Dirección Xeral de Patrimonio nas fortalezas da Raia Seca. De feito, o goberno de Emilio Pérez Touriño avalou, en 2009, que a torre medieval formaba parte dun plan para “consolidar” e “poñer en valor” as fortalezas e torres militares das comarcas da Limia, Verín e Terra de Celanova.

Coa chegada do Partido Popular á Xunta, subliñou Díaz, o plan de rehabilitación “paralizouse e nada máis se soubo del”. “O que si se sabe é que a Xunta aduce que non pode facer nada por tratarse dun ben de titularidade privada, contradicindo o que di a lei de patrimonio cultural que sinala á administración autonómica como garante da conservación e protección do patrimonio”, concluíu. “Dado que a familia alega que non pode facerse cargo da Torre Sande, a Administración autonómica debera proceder á súa expropiación forzosa”, algo que si pode facer.