Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

Para memorizar, catalogar e arquivar a Historia establecemos periodizacións tinxidas de prexuízos vellos e novos: interpretacións bíblicas, antropolóxicas,  tecnolóxicas, marxistas…”a según”,  Asumindo estas cuestións e arredor das pegadas do pasado, metémonos nunha terra e nun tempo remoto, no solar que hoxe ocupa o Carballiño,  na primeira  fase, ou Paleolítico, caracterizado pola pedra tallada ou antiga, período que tamén se fracciona  en subdivisións de etapas. O territorio  paleolítico carballiñés ponse en relación  coa do  Baixo Miño, estudado inicialmente por  Fermín Bouza Brei e  Xosé María Álvarez Blázquez

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A topografía das terras do Carballiño debuxa un anfiteatro  de amplos horizontes, entre os Montes da Madanela e a Martiñá,  lombas ribeiradas  polo ríos Viñao,  Arenteiro,  Regueiro de Carrás…  ricas e fontes polo tanto nesa auga tan necesaria pras plantas e pros animais. As greas de bestas bravas acoden a beber ao lugares brañentos, primeiros saberes ben aprendidos polos paleolíticos, e  alí era onde os esperaban, acochados, aquelas bandas de cazadores, que se alimentaban de man a boca e que ben sabían o que valía un animal cazado: carne pra alimentarse, pel pra vestirse, osos e cornamenta pra facer mesmo útiles de caza e defensa, graxa e sangue pra pintar.  Comezaron a saber o que significaba o lume, don do Ceo mediante os estralampos das treboadas,  como luz e calor para tantas cousas, a conservalo, a facelo, a  adoralo….  Continúo,  lento e longo proceso de hominización, mellor de humanización, no que seguimos aprendendo, pra saber aqueles que  seleccionando determinados coios rodados das beiras dos ríos, golpeándoos con destreza  podían extraer cortantes lascas, ser fabricantes de machados, de puntas con  formas aerodinámicas pra ferir e matar aos animais, coitelos cos que triscar pelexos e carnes…

Machado Paleolítico da Uceira

Etapa xeolóxica do Pleistoceno e  Prehistórica do Paleolítico

Estamos nas pescudas dun tempo remoto , no período xeolóxico do Cuaternario, época que vai dende fai  dous millóns de anos ate fai 10.000 e fin da ultima glaciación (Würm) , seguida do Holoceno , Pleistoceno ate hoxe .  A talla sobre  coios duros, cuarcitas,  sílex….serán as mostras dos primeiros traballos feitos con certa intelixencia, o que queda e abonda como pegada dos comezos da Prehistoria  e á que se lle dará o nome  de  Paleolítico, “Pedra antiga”. Período relativo cunha e noutra zona do mapamundi. Quizais as orixes deste proceso evolutivo do “homo hábilis” estean fai case dous millóns de anos  nos barrancos africanos da falla do Ritz,, Tanzania e Kenia,  os de Olduvai… e de aí unha longa peregrinación acompañada da bondade do tempo e da xenerosidade da natureza….

Nas últimas décadas están variando os conceptos referidos ao Paleolítico en Europa, grazas ás minuciosos pescudas realizadas nas simas burgalesas da Serra  Atapuerca, “o eslavón perdido” dese suposto evolucionismo  e difusionismo humano, de África a Europa. Sitio onde a Arqueoloxía galega tivo e ten un importante protagonismo: dende as intuicións do  salesiano compostelán padre Xesús Carballo, precursor e gloria da arqueoloxía cántabra,  ao ferrolán  Emiliano Aguirre e na actualidade o paleontólogo, oriúndo da Coruña,  Xosé María Bermúdez de Castro…. Sumando as pescudas actuais en  Galiza, nas beiras do monte  Oribio de Triacastela, as escavacións realizadas pola Universidade Compostelán na Cova de Eirós que nos poñen en relación co que é natural, o Paleolítico Asturiano e Cántabro, cos neandertais de  fai uns 30. 000 anos, o Paleolítico Medio e Superior. E non esquezamos ese referente que sempre  é Altamira,  o seu Museo Nacional  e Centro de Investigacións, onde  o Carballiño ten profesional,  arqueólogo  conservador e restaurador deste sitio, cunha experimentada formación,  Alfredo Prada Freixedo , quen  podería poñer no brete e puntualizar canto diga,

Pola Paleontoloxía e a Arqueoloxía sabemos que  aquelas primeiras greas de guedelludas  bandas humanas, cazadores ás veces cazados, entre a flora e a fauna, foron erguendo o esqueleto entre o mato, aproveitaron acubillos e covas pra protexerse, que quizais construíron, tramando ramas , vimbios, xuncos, casetos provisionais baixo os que acollerse… estruturas arqueolóxicas das que nada se ten conservado e atopado, a non ser probas de fogueiras .Na medida da madurez da ciencia da Arqueoloxía seguiranse a aportar e revisar datos.

Machados de pedra tallada atopados nas veigas do Arenteiro

Polos datos e mostras entregadas, alá pola metade do século XX polo médico Manuel Fernández Pousa  ao Museo de Ourense , sabemos que as ribeiras do Arenteiro eran frecuentados polas bandas destes cazadores, buscadores de caza e coios cos que fabricar as súas ferramentas. Trátase de  machados de pedra tallada,  de lascas extraídas de coios de cuarcita, rodados pola forza fluvial, tratando de conseguir a  forma de bifaces. Útis  do Paleolítico  rematados ou a medio acabar que os ollos e a habilidade daquel home souberon ver e recoller.  

Moito habería que falar desta saga familiar dos Fernández Pousa, moi vencellada a canto significaba a Xeración Nós, bases onde se formou a filla diste, Elisa Fernández Pousa Suárez,  eficaz directora do Arquivo Provincial de Ourense de 1989 ao 2005. Pezas  do Paleolítico por el atopadas e  etiquetadas con datos que complementan o seu valor,  sobre o lugar e as circunstancias do  achado, algunhas delas atopadas no camiño do “gran castro do Mosteiro” de Lobás.  

Servidor rematando en Ourense o bacharelato, alá polo 1968 e colaborando con don Xesús Ferro Couselo no Museo Arqueolóxico de Ourense, tiven na man estas pezas, lin as súas etiquetas: procedentes do Carballiño, Cea, Cenlle , San Amaro  Canda,  Gábian, Longos, San Facundo, Maside,  Mesego, Moldes, Cameixa, Vilela…. e nunca esquecín  os consellos apuntados nos escritos por quen as atopou, de mirar pro chan,  pras pedras do camiño e dos valados, pras moreas de coios que xuntan os labregos ao arar e limpar as terras, pois nelas é onde se atopan estes útiles, entre outros de diferentes épocas e que quizais algúns paisanos non saben interpretar, mentres que outros si, como son os machados de pedra puída, xa do Neolítico, aos que atribúen propiedades máxicas, como amuletos, “pedras do raio” mesmo pra facer con elas rituais pra curar.

Mostras paleolíticas da Comarca do Arenteiro

Pezas etas que a Arqueoloxía etiqueta inicialmente no  período  temporal  xeolóxico, do fin das glaciacións o Pleistoceno Inferior que sigue ao Holoceno, arredor deses 10.000 anos antes, nesa primeira parte da Prehistoria que é o  Paleolítico quedámonos ,entre clasificacións e etiquetas renovables.  Sigue ao Holoceno o Antropoceno, caracterizado pola forte acción do ser humano sobre o planeta que mesmo incentivan novas mudas climáticas e nela estamos.

Pezas debuxadas, descritas, clasificadas, e que no peso van dos 350 gramos ata os 2.400, e as normais arredor dos 500 gramos.  Materiais moi semellantes aos atopados nas Rías Baixas e mesmo co rico foco das Gándaras de Budiño, entre o Porriño e Tui, contexto arqueolóxico estudado e datado, onde nos primeiros anos 60, se iniciou  Emiliano Aguirre, o arqueólogo galego, que lanzou o xacemento burgalés de Atapuerca ao mundo. Non falta o estudo de paralelos noutras áreas da Península Ibérica, ribeiras do Taxo, Douro, Tormes, Esla, Cua…. Pezas que non permiten a súa datación, si acaso algunha de Budiño  datada polo Carbono 14, C14, de fai máis de 25.000 anos,  pero si afirmar un longuísimo período de tempo de usos e costumes paleolíticas.

Achados que poñen este prehistórico complexo industrial no mapa dun incipiente estudiado Paleolítico galego, de tipoloxía Achelense. referencian lugares, que tamén nos permiten reconstruír unha arqueoloxía da paisaxe de fai miles de anos, p ero faltos de contextos arqueolóxicos que poderían ofrecer máis datos, especialmente sobre a súa cronoloxía, o seu uso.

Útiles do Paleolítico procedente das terras do Carballiño ben coñecidos polo prehistoriador da Universidade de Santiago Xosé Manuel Vázquez Varela, autor dun artigo precursor ao respecto “Contribución al estudio del Paleolítico Gallego. La comarca del río Arenteiro (1973). E aos que hai que sumar  as pescudas do médico Rodríguez Gracia , especialidade que segue a madurar, onde marcou un fito o médico Ramil Soneira, creador do Museo de Prehistoria de Vilalba, seguidos dos estudos  de López Cordeiro, Cano Pan , Fábregas ou de Rosa Villar Quinteiro  autora de “El yacimento Paleolitico de A chaira, san Cibrán de Las, Ourense” ( 1999).

Área paleolítica do Arenteiro (Según o prof. Vazquez Varela)

O  amigo e sensible profesor Rafael Otero, tenme demostrado que nos baixos da Pena dos Namorados aparecían este tipo de vestixios de pedra talladas…zonas moi concorridas e aproveitadas no decorrer dos séculos.  Mesmo paseando polas brañas da Uceira, onde nace o Regueiro, teño atopado algún destes mesmos machados. Como logo por toda a ribeira do Arenteiro, o arqueólogo Angel Concheiro que prospectou estas terras por mor de arqueoloxías mineiras, castrexas e romanas, confirmoumo e entregoume algunha destes vestixios paleolíticos.

Estudos arqueolóxicos que requiren un traballo interdisciplinar, contextualizado nas etapas xeolóxicas e arqueolóxicas,  e que para o caso galego  e concretamente destas terras, contase cos valiosos aportes do catedrático de Xeografía da Universidade Compostelán. Natural de Barbantes, Augusto Pérez Alberte, preocupado polos análise xeomorfolóxicos e a evolución do paleoclima de Galicia durante o Terciario e o Cuaternario (2002), o que nos permite contextualizar estas bandadas de cazadores.

Longo recorrido no que seguimos, sen aprender demasiado, se non a acantazar a disparar sofisticadas bombas e mensaxes comercias.

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño