O pleno do concello de Ourense aproba por unanimidade a creación dun consello municipal da multiculturalidade grazas a unha iniciativa do psdeg-psoe

O microgoberno de Jácome rexeitou apoiar a moción socialista para a reactivación dos programas e servizos da Aula Municipal da Saúde, que obtivo o respaldo do resto dos grupos

A moción socialista a prol dun plan de rescate cultural aprobouse co voto en contra do microgoberno e en ausencia dos socialistas, que abandonaron o pleno polas “intolerables faltas de respecto” de Ucha

AVANTAR ACTIVIDADES

 O pleno do Concello de Ourense vén de aprobar por unanimidade a creación dun Consello Municipal da Multiculturalidade grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE para “instar ao goberno local a convocar axiña os grupos políticos con representación para que designen representantes co obxecto de redactar o regulamento de organización e funcionamento deste órgano consultivo, destinado a forxar un modelo harmonioso de convivencia, desenvolvemento e progreso na sociedade diversa da cidade de Ourense”.

Así o explicou Rafa Villarino, voceiro do grupo socialista e promotor da iniciativa, quen defendeu unha moción “inspirada no modelo alemán”, un país “receptor natural” de poboación emigrante. Neste sentido, Villarino incidiu en que o enfoque debe ser o de “falar coa xente que vén de fóra” e non “falar da xente que vén de fóra”, para así “lograr que a veciñanza non autóctona participe activamente na vida municipal”, nun momento no que “case o 12 % da poboación de Ourense xa é de orixe estranxeira”, abundou o socialista. “

“Chamámoslle Consello da Multiculturalidade e non empregamos o termo ‘integración’ porque  queremos evitar asimetrías na relación entre a cidade receptora e a poboación estranxeira”, engadiu o socialista, ao tempo que sinalou que este órgano deberá garantir o cumprimento do desenvolto no artigo 9.2 da Constitución Española, que determina que corresponde aos poderes públicos “promover a liberdade do individuo e dos grupos nos que se integra, así como remover os obstáculos que dificulten o seu benestar e facilitar a súa participación na vida política, económica, cultural e social”.

Por outra banda, o pleno municipal aprobou, coa abstención do microgoberno, unha moción socialista encamiñada á reactivación dos programas e servizos da Aula Municipal da Saúde das Lagoas neste ano 2021.

“Mentres todas as grandes cidades galegas promoven programas para a promoción da saúde e das boas prácticas alimentarias, en Ourense anúlanse”, lamentou a concelleira Concha García, quen lembrou que a infraestrutura municipal contaba cun funcionamento óptimo entre 2009 e 2015, chegando a acoller exitosos programas de saúde materno-infantil, programas de nutrición e prevención da obesidade, unha aula de cociña ou mesmo outros programas da Concellaría de Sanidade como o de deshabituación tabáquica, o SMaFF, OciOurense ou a Escola de Pais e Nais.

García sinalou directamente á responsabilidade do concelleiro da área de Política Social, Telmo Ucha, a quen tamén lle afeou o incumprimento do acordo plenario establecido a respecto dunha moción na que os socialistas solicitaban ao executivo local a creación dun censo de persoas sen fogar: “a día de hoxe non hai nada, colleron o censo das entidades sociais e fixérono seu”.

Pola súa banda, o concelleiro Xosé Rúas defendeu unha moción a prol da posta en marcha dun plan de rescate cultural para os vindeiros seis meses, unha iniciativa que obtivo o apoio de toda a corporación –PP, non adscritos, BNG e C’s pronunciáronse a favor– e o voto en contra do microgoberno. A iniciativa foi votada en ausencia dos propoñentes da moción, que se ausentaron do pleno en protesta polas “intolerables faltas de respecto e ameazas” proferidas polo concelleiro Telmo Ucha cara ao voceiro do grupo no transcurso do debate, así como pola ausencia de condena de tales accións por parte do alcalde tras rogarlle os socialistas que se retractasen.

Así mesmo, os socialistas conseguiron o apoio dos grupos do pleno –excepto a do PP, que se abstivo– á emenda de engádega dunha moción do Partido Popular para reforzar o compromiso do Concello coas persoas xordas da cidade a través da incorporación dun intérprete de lingua de signos a todos os actos institucionais e o incremento da axuda económica que percibe anualmente o colectivo APSOU (Asociación de Personas Sordas de Ourense) dentro do Plan Estratéxico Anual de Subvencións para o desenvolvemento da súa actividade.

O pleno tamén respaldou, por unanimidade, a emenda de substitución do grupo socialista á moción do Partido Popular para solicitar ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana á instalación dun centro de emprego dixital en Ourense, instando á Xunta de Galicia a acometer en Ourense políticas activas de emprego e descentralización de servizos públicos. “Apoiaremos todas as iniciativas que apelen ao goberno central e a Renfe, e tamén queremos que se fomente a empregabilidade a nivel autonómico e se defenda a nivel local”, puxo de manifesto o concelleiro Wilson Jones.