O Psdeg-Psoe de Ourense abandona o pleno municipal ante as “intolerables descualificacións e ameazas” do goberno local

O Psdeg-Psoe de Ourense abandona o pleno municipal ante as “intolerables descualificacións e ameazas” do goberno local e esixe o restablecemento do respecto institucional

Os socialistas instan ao executivo local a retractarse e emitir unha desculpa pública a raíz dos comentarios e xestos denigrantes do alcalde e do concelleiro Telmo Ucha cara ao grupo socialista

AVANTAR ACTIVIDADES

Denuncian a actitude cómplice do PP e pregúntanlle aos populares se van volver ser colaboradores necesarios do “matonismo” e o “carrusel de insultos de Jácome”

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense abandonou a sesión plenaria deste venres tralas “intolerables descualificacións e ameazas” dos integrantes do goberno local aos concelleiros socialistas e esixe o restablecemento inmediato do respecto e decoro que debe rexer a convivencia institucional.

“Non debemos tolerar nin normalizar que se vulnere de xeito reiterado e sistemático o respecto que debe rexer as institucións das que formamos parte e moito menos que se suplante o debate político con agresións verbais e mesmo alusións á violencia”, manifestan dende o grupo municipal socialista. Así mesmo, lamentan que o pleno se vexa “acaparado” por asuntos que “ensombrecen” as cuestións fundamentais e acabe convertido nun “espectáculo lamentable” auspiciado por “un alcalde sen altura política, ao que só lle importa a cota de audiencia da súa televisión privada”.

Deste xeito, os socialistas instan ao executivo local a retractarse e a emitir unha desculpa pública a raíz dos comentarios e xestos denigrantes proferidos polo alcalde e o concelleiro Telmo Ucha durante o transcurso da sesión plenaria, concretamente cara ao voceiro do grupo socialista. “Ucha faltoulle ao respecto a Rafa Villarino cun corte de manga, e o alcalde riulle a gracia, algo totalmente inadmisible. O principal deber dun alcalde é defender e garantir o respecto e a dignidade da cidade e daqueles que a representan”.

Dende o grupo municipal socialista denuncian tamén a actitude cómplice do PP e pregúntanlle aos populares se están dispostos a volver ser colaboradores necesarios do “matonismo” e o “carrusel de insultos de Jácome”.