O PSOE critica o rexeitamento do PP a crear brigas de investigación de incumprimentos forestais

O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para crear brigadas de investigación de incumprimentos forestais. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Medio Rural, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.

A voceira de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo en valor a creación dun corpo “adecuadamente formado en materia de xestión forestal sostible” e “con coñecementos sobre incumprimentos en materia forestal” para realizar unha “correcta xestión sostible dos recursos forestais e naturais” en Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A pesar de que os axentes facultativos ambientais e forestais conviven co medio natural galego, débense incorporar medios específicos en relación cos posibles incumprimentos normativos”, subliñou Rodríguez Dacosta, “tal e como está demandando a sociedade galega, acrecentada nestes momentos pola gran cantidade de curtas que se están realizando co fin de substituír as especies que poboan estes predios na actualidade”.

Neste senso, sinalou a importancia de dispoñer de “persoal especializado” en materia de “investigación” para unha “adecuada vixilancia e detección dos incumprimentos” forestais. Por iso, a voceira socialista pediu uns “equipos técnicos operativos de forma permanente” que poidan atender “á multitude de procesos que poden desencadearse” e asuman funcións de policía administrativa e custodia do terreo forestal, de xeito que, como mínimo, haxa 2 axentes asignados por distrito forestal a estas funcións.

Con todo, a responsable socialista sinalou que as maiores infraccións son as repoboacións e a falla de limpeza, “pero a casuística de incumprimentos é moi variada”. Tanto é así, destacou, que algúns propietarios e comunidades de montes “demandan control sobre os danos que provocan motos, quads e todoterreos nos montes”.

Doutra banda, Rodríguez Dacosta reivindicou “asesoramento” para os propietarios forestais, xa que estes queren saber “de que tipo de chan dispoñen, a orografía do terreo, a climatoloxía, ou modelo de silvicultura a realizar”.