A Xunta continúa traballando na incentivación e revitalización do comercio de proximidade

IES CHAMOSO LAMAS

Así llo manifestou o delegado territorial da Xunta ao presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro

  • Gabriel Alén informou ao presidente dos comerciantes que, ao amparo dos programas de apoios ás asociacións de comerciantes, o ano pasado resultaron beneficiados na provincia ourensá sete centros comerciais abertos e unha asociación de praceiros cunha achega de máis de 253.000 euros
  • O delegado territorial deu conta destas axudas, coas que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación impulsa a competitividade do sector comercial, e sinalou que o Centro Comercial Aberto Ourense Centro obtivo a máxima achega posible, cifrada en 40.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá na Delegación Territorial unha reunión con Luis Rivera, presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, dentro da súa rolda de encontros institucionais cos distintos axentes económicos e sociais da provincia.

HIPER MASIDE

O delegado territorial  informou ao presidente dos comerciantes que, ao amparo dos programas de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCAs) e prazas de abastos, e do destinado ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, o ano pasado resultaron beneficiados na provincia ourensá sete CCAs e unha asociación de praceiros cunha achega de máis de 253.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente ambas as dúas resolucións da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Gabriel Alén explicou que o obxectivo é reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. Así, indicou que estas axudas permitirán realizar diferentes campañas de dinamización comercial, incorporar sistemas de fidelización, realizar melloras na sinalización comercial externa, así como financiar a unidade de xerencia que inclúe os gastos de persoal e de oficina.

O delegado territorial deu conta destas axudas, coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a competitividade do sector comercial, e sinalou que o Centro Comercial Aberto Ourense Centro obtivo a máxima achega posible, cifrada en 40.000 euros. Tamén lembrou que a Asociación de Comerciantes de Celanova que, xunto cos centros comerciais abertos de Verín, Ribadavia, Carballiño, Ou Barco de Valdeorras e dos dous existentes na capital (Ourense Centro e Couto Centro), reciben un total de 234.852 euros.

Bonos Activa Comercio

O representante do Goberno Galego tamén valorou co presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro a posta en marcha do programa BonoActiva Comercio por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de favorecer e impulsar a reactivación do comercio local e de proximidade. Esta iniciativa despregou un total de 330.000 bonos, cun orzamento total de 10 millóns de euros.

En Ourense 713 establecementos están adheridos ao programa do Bono Activa Comercio. A Coruña ten 1982 comercios adheridos, Pontevedra sumou 1751 e Lugo 814.

Con respecto aos usuarios, son máis de 126.000 os galegos e galegas que xa descargaron o bono desconto por valor de 30 euros, 53.300 na provincia da Coruña, 39.200 na de Pontevedra; preto de 17.000 na de Lugo; e máis de 16.500 en Ourense. Todos aqueles consumidores que aínda non descargaron o seu bono, aínda están a tempo de facelo na web bonosactivacomercio.gal.

A iniciativa, deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, enmárcase dentro do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego, que conta con axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

En concreto, o Bono Activa Comercio conta cun orzamento de 10M€ co que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter aínda o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.