“En seis anos de goberno PSOE-BNG o interventor fixo máis de 500 reparos a contratacións “por graves vicios de irregularidade”

Juan Manuel Jiménez, portavoz do PP no Concello de Verín

O concelleiro popular denunciou que a “caótica” xestión do persoal por parte do alcalde socialista provocou que neste último ano e medio “o concello teña catro sentenzas nas que se obliga a incluír a traballadores autónomos no cadro municipal, exemplos que revelan un manifesto desprezo á legalidade vixente e aos controis de reparos do interventor, así como unha falta total de transparencia e nepotismo por parte do grupo de goberno”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sobre o proceso de selección proceso dunha traballadora social que só aprobou a filla de Gerardo Seoane destacou que “se de 15 aspirantes tan só unha aproba sen ningún fallo e con 19 puntos sobre 20, mentres o resto suspende, iso é algo estraño, pero se a maiores a única que aprobou sen fallo algún é a filla do alcalde, ademais de estraño parécenos sospeitoso”.

O portavoz do Partido Popular en Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, denunciou hoxe a “caótica situación do  concello en materia de persoal, onde nestes seis anos de goberno de PSOE e BNG o interventor fixo máis de 500 reparos a contratacións e nestes momentos hai máis de 20 contenciosos en instrución por denuncias de contratos ou produtividade, entre outros”. Jiménez fixo estas declaracións na sede provincial do PP de Ourense, xunto ao secretario  xeral do PPdeG, Miguel  Tellado, onde fixo un pormenorizado repaso ás anomalías que detectou a secretaria municipal no proceso de selección dunha traballadora social que só aprobou a filla do alcalde socialista, Gerardo Seoane.

A xestión do persoal por parte do alcalde socialista provocou que neste último ano e medio “o concello teña catro sentenzas nas que se obliga a incluír a traballadores autónomos no cadro municipal, exemplos que revelan un manifesto desprezo á legalidade vixente e aos controis de reparos do interventor, así como unha falta total de transparencia e nepotismo por parte do grupo de goberno, sen que nunca antes houbera tantas denuncias por parte dos sindicatos”. Un xeito de actuar que para Jiménez “pode ser considerado como un delito continuado de prevaricación, ademais das dúas querelas que nestes momentos abriu a fiscalía por contratacións ilegais”.

O portavoz popular cualificou como “moi graves as declaracións do deputado autonómico Juan Carlos Francisco Rivera, cuestionando a profesionalidade e honorabilidade da secretaria municipal, para desviar a atención do cúmulo de ilegalidades do seu amigo e alcalde, o mesmo que infravalorou aos candidatos ao presupoñer a facilidade dun proceso de só 60 folios, segundo dixo,  difamando abertamente á secretaria e acusándoa de partidismo tentando tapar as anomalías do proceso”.

ANOMALÍAS DETECTADAS POLA SECRETARIA NO PROCESO DE SELECCIÓN.

Jiménez destacou que “se de 15 aspirantes tan só unha aproba sen ningún fallo e con 19 puntos sobre 20, mentres o resto suspende con puntuacións que van desde o 1 ata o 7,5, iso é algo estraño, pero se a maiores a única que aprobou sen fallo algún é a filla do alcalde, ademais de estraño parécenos sospeitoso”.

Subliñou tamén o feito de que a secretaria municipal advertise da existencia de “moitos indicios de que a cadea de custodia do exame se rompera, sobre todo vendo os acertos que tiveron os aspirantes”. Así, sinalou, “o exame foi realizado por unha persoa allea ao tribunal, nun computador do concello, foi custodiado nunha oficina municipal á que tiña acceso o grupo de goberno e outros traballadores e ningún dos membros do tribunal  fotocopiou os exames”.

Tamén citou outras anomalías detectadas pola secretaria tras o proceso, “como que o alcalde diga que existe un temario de 60 folios cando é mentira, como se recoñeceu na Comisión de control celebrada o pasado venres, polo que nos preguntamos se o exame se fixo en base a un temario que o tribunal e os aspirantes descoñecían”. Ademais, “tratábase dunha proba práctica sobre materias relacionadas co posto de traballo e funcións a desenvolver, pero fixéronse preguntas que en nada concordan co aprobado como a data do pleno na que se aprobou a xestión directa do servizo de atención á dependencia ou o ministro responsable da aprobación da Lei 39/2006 de promoción de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia”.

O portavoz popular quixo puntualizar “que aquí non se pon en dúbida a valía de ninguén, xa que calquera persoa está no seu dereito de acceder a unha praza para a que se formou e facelo en igualdade de condicións, valorando o mérito e a capacidade” O que se cuestiona, dixo, “é se houbo trato de favor ou filtración no proceso selectivo, sobre o cal non habería suspicacias se os exames fosen anónimos en lugar de que os aspirantes tivesen que poñer o nome no papel”.