Moción do Bng en Ribadvia en contra da ampliación da concesión hidroeléctrica do río Cerves ate o ano 2050.

O pasado mes de abril o pleno municipal de Ribadavia aprobou unanimemente unha “MOCIÓN POLA REVERSIÓN PÚBLICA DO APROVEITAMENTO HIDROELÉCTRICO DO RÍO CERVES”. Na que se demandaba:

1. Instar á Xunta a levar a cabo as actuacións necesarias para reverter o aproveitamento hidroeléctrico do Cerves á xestión pública unha vez que se produza a súa caducidade en 2025, a fin de que o seu aproveitamento se realice con fins de utilidade pública e interese social de xeito que este recurso actúe como vector de crecemento económico no territorio en que está implantado.

AVANTAR ACTIVIDADES

2. Instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e máis á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a que fagan efectiva a resolución da concesión administrativa do aproveitamento hidroeléctrico do Cerves en 2025, tramitando os expedientes de reversión sen retrasos e sen caducidades de expedientes, recuperando a xestión pública e modificando as disposicións legais pertinentes para garantir simultáneamente un instrumento que asegure a tributación municipal e a reversión de beneficios aos concellos e comunidades veciñais.

Sen embargo no día de onte, 16 de xuño de 2021, o BOE publicaba a “Resolución de la Dirección General del Agua por la que se autoriza la modificación de la concesión de agua del río Cierves, en los términos municipales de Melón y Ribadavia (Ourense), con destino a la producción de energía eléctrica, Salto del Cierves, otorgada a Naturgy Wind, S.L.U.”  Polo tanto o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de prorrogar 25 anos unha concesión para o aproveitamento hidroeléctrico da auga do río Cerves, entre Melón e Ribadavia, ao tempo que autoriza a Naturgy Wind a aumentar un 50% o caudal máximo por segundo que pode empregar.

Iso si, na resolución non se contempla ningún tipo de obra pública, ambiental ou de mellora do tendido eléctrico en beneficio da comunidade local, ningunha compensación económica aos concellos de Melón e Ribadavia, onde se ubica a central hidroléctrica.

      Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Esixir a paralización da Resolución da Dirección General del Agua pola que se amplía e modifica a concesión de auga do río Cerves, con destino á produción hidroeléctrica 2. Demandar a posta en marcha de instrumentos que aseguren unha tributación municipal xusta por parte das empresas concesionarias hidroeléctricas e a reversión de beneficios derivados da súa actividade aos concellos e comunidades veciñais